Monforte de Lemos, 16 de setembro de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, presidiu esta mañá a mesa de seguridade convocada con motivo da tradicional Romaría de San Mateo, que se celebrará o vindeiro luns, 21 de setembro, na parroquia de A Parte, e que pecha o programa do Verán Cultural organizado polo Concello.
Na reunión, celebrada na Sala de Xuntas do Concello, coordináronse as diferentes medidas de seguridade, tráfico e organización necesarias ante a importante afluencia de persoas e vehículos prevista durante esta celebración.
Xunto ao Alcalde, participaron na mesa a Tenente de Alcalde, Gloria Prada; o inspector da Policía Local, Miguel Martínez; un representante do destacamento da Garda Civil de Tráfico de Monforte, o subinspector de Seguridade Cidadá da Policía Nacional, o xefe de Bombeiros e o xefe de Axentes da Cidadanía do Concello.
O obxectivo desta reunión, explica Tomé, “é coordinar as accións necesarias para que a Romaría de San Mateo se desenvolva con total normalidade e coa maior seguridade posible, tanto para as persoas que participan na festa como para os veciños e veciñas da zona”.
O Alcalde destacou tamén a importancia da coordinación entre os diferentes servizos e corpos de seguridade para facer fronte á elevada concentración de persoas e vehículos que se produce con motivo desta romaría.
Dispositivo coordinado pola Policía Local
Entre as medidas acordadas figura o establecemento dun sentido único de circulación na estrada de acceso ao campo da festa, para facilitar os desprazamentos e evitar problemas de circulación na contorna.
A entrada á zona realizarase desde Ribas Altas pola antiga estrada de Lugo, continuando pola parroquia de Valverde. A saída efectuarase pola estrada do canal de regadío en dirección a Reigada e Monforte, pola rúa Juan Montes. Tamén se poderá circular polas pistas da concentración parcelaria da zona en dirección a Ribas Pequenas e Bóveda.
O dispositivo de tráfico contará con sinalización específica e control permanente, mentres que o estacionamento estará restrinxido aos espazos habilitados para tal finalidade. Deste xeito, non estará permitido aparcar na pista de acceso á zona da festa, co fin de garantir en todo momento a circulación dos vehículos e o acceso dos servizos de emerxencia. Estas medidas especiais de circulación estarán operativas durante a xornada da romaría e adaptaranse ás necesidades que poida xerar a afluencia de vehículos.
O dispositivo de seguridade estará coordinado pola Policía Local, que contará coa colaboración da Policía Nacional e da Garda Civil de Tráfico, así como de Bombeiros, efectivos de Protección Civil e persoal municipal.
A Garda Civil reforzará a vixilancia das vías de entrada e saída da zona da romaría, mentres que a Policía Local prestará especial atención ao recinto da festa e aos seus arredores, mantendo presenza durante o desenvolvemento da celebración xunto con efectivos da Policía Nacional.
Tamén se establecerá vixilancia nas horas previas á romaría, coa finalidade de garantir a seguridade e previr posibles incidencias. Ademais, o dispositivo contará cunha ambulancia no recinto da festa, dispoñible para prestar asistencia sanitaria no caso de que fose necesario.
Colaboración do Concello coa celebración
O Concello de Monforte colabora coa Romaría de San Mateo mediante unha aportación económica, á que se suma a dotación dos medios necesarios para facilitar o desenvolvemento da festa.
Así mesmo, instalaranse contedores no recinto da romaría para facilitar a correcta recollida dos residuos xerados durante a celebración.
Con este dispositivo, o Concello de Monforte busca garantir que a tradicional Romaría de San Mateo, se desenvolva nun ambiente de seguridade e normalidade, facilitando ao mesmo tempo a mobilidade das persoas que se acheguen a A Parte durante a xornada.
O Alcalde anima “a toda a veciñanza a acudir o luns á romaría e desfrutar dunha festa tan tradicional en Monforte como é o San Mateo”.
