
Monforte de Lemos, 14 de outubro de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, presidiu este mércores a toma de posesión como funcionarios de dous novos policías municipais que pasan a formar parte do cadro de persoal do Concello de Monforte de Lemos, na categoría de axente de Policía Local, grupo C1.
Esta incorporación prodúcese unha vez finalizado o período de formación teórico-práctica que os novos axentes realizaron na Academia Galega de Seguridade Pública de A Estrada e na cidade de Monforte. Concretamente, esta formación desenvolveuse de xaneiro a xuño do presente ano na citada Academia, e de xullo a setembro no Concello de Monforte.
O pasado venres, 9 de outubro, o rexedor monfortino asistiu na Academia da Estrada ao acto de finalización do curso da 18 Promoción de Policías dos Corpos da Policía Local de Galicia, da que forman parte os dous novos axentes.
No mesmo acto, no que se entregaron Condecoracións ao Persoal destes Corpos, o Inspector xefe da Policía Local de Monforte, Miguel Martínez, recibiu un recoñecemento aos seus 35 anos de servizo.
Acompañado pola Tenente Alcalde, Gloria Prada; o oficial Néstor Álvarez, e o Secretario do Concello, José Antonio Mourelle Cillero, o Alcalde aproveitou o acto de toma de posesión do dous novos axentes para departir con eles e desexarlle sorte nesta nova etapa ao servizo da cidadanía de Monforte.