O Alcalde informa da reapertura do Parque da Compañía trala reforma integral: “A veciñanza xa pode desfrutar da mellora espectacular dun espazo de referencia en Monforte”

Monforte de Lemos, 13 de marzo de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, visitou hoxe o Parque da Compañía para supervisar o remate das obras de reforma integral que se executaron neste espazo público da cidade e logo de que os operarios procederan á retirada do valado perimetral que protexeu a zona durante os traballos. “A veciñanza xa pode desfrutar da mellora espectacular dun espazo de referencia en Monforte”, apuntou o rexedor tras comprobar o resultado da actuación.

As chuvias dos últimos meses demoraron o remate dos traballos, engadiu o Alcalde, “pero agora que ven o bo tempo xa podemos contar con este espazo magnífico para desfrutar do lecer”. Coa reforma do Parque da Compañía, apunta, “damos un paso máis na importante mellora e transformación deste entorno emblemático no centro urbano da nosa cidade”.

 

Renovación completa dos firmes e das zonas verdes

O proxecto de reforma integral do Parque da Compañía supuxo unha actuación completa de renovación dos firmes e das zonas verdes nunha superficie de 10.025 m2 ao sur da explanada, no entorno dos Escolapios. O contrato adxudicouse en xuño á empresa Calfensa Proyectos S.L. por un importe de 223.832,94€, e os traballos comezaron en agosto.

O Alcalde apunta que esta actuación era “moi necesaria, xa que supón a mellora dun espazo de referencia na cidade de Monforte, tanto para os veciños e veciñas como para as persoas que nos visitan”. Este parque, engade, “é un punto de encontro para os monfortinos e un lugar de esparcemento e lecer para persoas de todas as idades”.

 

Detalles da reforma

As actuacións executadas consistiron na substitución do firme do percorrido peonil e do carril bici que bordea a zona oeste do parque, incluindo a ampliación de anchura ata os 2 metros en todo o seu percorrido. Cambiouse o pavimento granular por formigón
fratasado de 20 cm, máis acorde cun percorrido deste tipo e máis seguro para os ciclistas e cómodo para o tráfico peonil.

Nas zonas verdes, procedeuse á substitución dos arbustos existentes, mesmo dalgunhas árbores de pequeno porte que dificultaban o seu mantemento e conservación en condicións adecuadas de limpeza, por unhas zonas de céspede con instalación de rego automático, fáciles de manter e conservar en condicións axeitadas. Nestas zonas incorporouse terra vexetal para alcanzar unha cota e darlle unhas caídas adecuadas que faciliten o mantemento posterior.

Tamén se eliminaron os bordos nos cambios de pavimento, así como os bordos das zonas verdes, que poden producir caídas e inconvintes para os peóns.

Na zona central , onde existen árbores e mobiliario urbano nunha cota baixa, recheouse con xabre estendido e compactado. Para levar a cabo estas actuacións, procedeuse ao levantado e recolocación do mobiliario urbano existente, así como dos aparatos biosaudables, bancos e mesas de pedra.

Ademais, e dado o gran uso que ten este espazo por parte dos veciños e veciñas de Monforte, creáronse novos paseos peonís pavimentados con formigón fratasado e novo mobiliario urbano: bancos de fundición, papeleiras de aceiro e fontes con grifos pulsadores e reixas sumideiro.

Tamén se mellorou a iluminación da zona con luminarias LED e pintado de marcas viarias, continuas e discontinuas, e de símbolos no percorrido peonil e no carril bici.

 

Unha inversión que ronda os 600.000 euros nos últimos anos

Esta actuación ven completar as melloras que nos últimos anos levou a cabo o Executivo de José Tomé nesta zona tan importante da cidade como é a Compañía. Neste senso, o Alcalde indicou que “con esta actuación, seguimos a completar as accións de mellora que dende o Concello levamos a cabo neste espazo e que significaron a consecución dun novo parque infantil (177.000€), a construción dunha pista de Skate (77.000€), a mellora da pista polideportiva (48.000€) e a mellora da fonte cibernética da praza da Compañía (62.000€). Coa reforma do parque, a inversión total nos últimos anos ronda os 600.000 euros.