
Monforte de Lemos, 11 de agosto de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, recibiu este venres aos integrantes da delegación de deportistas monfortinos que participaron nos XVI Xogos do Eixo Atlántico, que se disputaron en Santiago de Compostela do 6 ao 10 de xullo. O rexedor recibiunos na súa chegada en autobús ao Parque dos Condes e felicitounos polos éxitos acadados:
• Voleibol Masculino: Medalla de bronce (total equipos participantes: 9)
• Voleibol Feminino: 5º posto (total equipos participantes: 17)
• Baloncesto Masculino: 7º posto (total equipos participantes: 19)
• Atletismo:
-Medalla de prata en Atletismo Pista 1.000 metros Feminino (Claudia Álvarez Velasco)
-Medalla de prata en Atletismo Ruta Feminino (Claudia Álvarez Velasco)
-Cuartos clasificados por equipos en Atletismo en Ruta Feminino.
José Tomé destacou a boa representación de Monforte que fixeron estes mozos e mozas e animou aos deportistas a “seguir traballando para acadar novos éxitos para o deporte monfortino”.
A delegación monfortina estivo formada por 68 deportistas que participaron en 4 modalidades deportivas: voleibol masculino e feminino, baloncesto masculino, e atletismo e natación masculino e feminino.
Son os clubs e entidades deportivas do Concello de Monforte os que nutren de deportistas cada un dos equipos; así o Club de Atletismo A Gándara e o Club Natación Monforte encárganse de facer a selección de atletas para as modalidades de atletismo e natación respectivamente, o Club Korbis e o Club de Voleibol Ribeira Sacra aportan deportistas para as seleccións de voleibol, e o C.B. Val de Lemos encárgase da selección de baloncesto.
Seis modalidades e máis de 2.000 deportistas
Os Xogos do Eixo Atlántico celébranse con periodicidade bianual e reúnen a mozas e mozos de Galicia e do Norte de Portugal que comparten unha semana de deporte, convivencia e intercambio cultural.
Nesta edición participaron 28 municipios: dez galegos e dezaoito portugueses. Pola banda galega, Santiago de Compostela, Ourense, Lugo, Vigo, Vilagarcía de Arousa, Carballo, Ribeira, O Barco de Valdeorras, Sarria e Monforte de Lemos, que suman un total de 742 integrantes nas súas delegacións.
Desde Portugal, Matosinhos, Maia, Felgueiras, Vila Nova de Famalicão, Braga, Viana do Castelo, Bragança, Porto, Valongo, Vila Nova de Gaia, Amarante, Vila do Conde, Fafe, Vila Real, Peso da Régua, Santa Maria da Feira, Barcelos e Guimarães, cun total de 1.459 persoas.
Toda a información e resultados pode consultarse na páxina web oficial dos XVI Xogos do Eixo Atlántico www.xogosdoeixoatlantico2026.com.