
Monforte de Lemos, 11 de xuño de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, recolleu na tarde deste mércores, en Madrid, o premio Escoba de Platino 2026, concedido pola Asociación Técnica para la Gestión de Residuos, Aseo Urbano y Medio Ambiente (ATEGRUS). O acto enmárcase na Feira Internacional de Urbanismo y Medio Ambiente, TECMA, que celebra a súa 22 edición en IFEMA, do 9 ao 11 de xuño.
A Escoba de Platino é un dos galardóns máis relevantes a nivel estatal no ámbito da limpeza urbana e da xestión de residuos. Nesta ocasión, o Concello de Monforte recibe este recoñecemento pola implantación dun modelo integral baseado na incorporación do punto limpo e do centro verde dentro do servizo municipal de recollida de residuos e limpeza viaria.
O rexedor, que acudiu ao evento acompañado pola Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e polo técnico municipal de Medio Ambiente, Juan Carlos Prado, destaca que esta Escoba de Platino “supón un premio ao traballo realizado para modernizar e facer máis eficiente un servizo esencial para a cidadanía”, así como “un recoñecemento á aposta que realizamos desde o Equipo de Goberno por unha xestión integrada, sostible e coordinada”.
Precisamente, a integración do punto limpo e o centro verde no servizo municipal de recollida de residuos e limpeza viaria, implantada en xuño de 2025, permitiu superar as limitacións do modelo anterior, no que ambas instalacións funcionaban de maneira independente, e deste xeito mellorar a eficiencia e a coordinación na trazabilidade dos residuos.
A Escoba de Platino 2026 é a 4ª desta categoría que obtén o Concello de Monforte de Lemos nos últimos seis anos, tras recibir o galardón tamén nos anos 2020, 2022 e 2024. Previamente, obtivo a Escoba de Prata en 2012 e a de Ouro en 2014.
Resultados cuantificables dun modelo integrado
Dende a incorporación do punto limpo e o centro verde ao servizo de recollida de residuos e limpeza viaria en Monforte, os datos rexistrados amosan unha mellora clara no uso, control e xestión das instalacións:
PUNTO LIMPO
- 3.191 entradas rexistradas
- 247.881 quilos de residuos xestionados
CENTRO VERDE (USO INDUSTRIAL):
- 347 entradas rexistradas
- 280.804 quilos xestionados
Dentro da actividade do centro verde destacan ademais:
- 68.720 quilos procedentes do servizo de recollida porta a porta, con 1.389 avisos atendidos
- 24.120 quilos recollidos de verteduras incontroladas, contribuíndo á mellora ambiental e á eliminación de puntos negros no municipio.
O Concello lembra á veciñanza o amplo horario de atención do punto limpo e o servizo de recollida de enseres porta a porta, dispoñible mediante chamada ao teléfono 900 101 390.
Ante estes resultados, o Alcalde subliña que “a integración dos servizos permitiu mellorar a coordinación, optimizar recursos e ofrecer unha resposta máis rápida e eficaz ás necesidades da cidadanía, ao tempo que avanzamos na protección do medio ambiente”.
Maior accesibilidade e ampliación de horario no punto limpo
Un dos aspectos clave do novo modelo é a mellora da accesibilidade ás instalacións.
Así, o punto limpo conta actualmente cun amplo horario de atención, en quenda de mañá e tarde, de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas, facilitando así o depósito adecuado dos residuos e reducindo significativamente o risco de verteduras incontroladas.
Ademais, implantáronse sistemas de control de accesos e ferramentas dixitais de xestión que permiten rexistrar todos os movementos de residuos, garantindo a súa trazabilidade e mellorando a calidade da información para a toma de decisións.
Xunto coa dixitalización, incorporáronse tamén melloras en eficiencia enerxética, coa instalación de iluminación LED, e continúase traballando na mellora dos accesos e da vixilancia das instalacións.
Optimización global do servizo de recollida e limpeza viaria
A integración do punto limpo e do centro verde dentro do contrato municipal permitiu avanzar cara a unha xestión unificada do servizo, optimizando recursos humanos e materiais. Esta coordinación facilita:
- Unha mellor planificación de rutas e servizos
- Maior eficacia na recollida de enseres e residuos especiais
- Redución de desprazamentos innecesarios
- Mellora no mantemento e limpeza das instalacións
Todo isto enmárcase nun servizo moderno de recollida de residuos e limpeza viaria, orientado á eficiencia operativa, á sostibilidade e á mellora da calidade do espazo urbano.
Avances na recollida selectiva e fracción orgánica
O recoñecemento por parte de ATREGUS destaca tamén as melloras na recollida selectiva, especialmente na implantación do sistema de recollida da fracción orgánica mediante o cubo marrón que o Concello de Monforte entrega de balde aos veciños e veciñas que o solicitan.
Así mesmo, estase ampliando a implantación desta recollida entre os grandes produtores, especialmente no sector hostaleiro, ao que o Concello agradece a súa colaboración para mellorar a separación de residuos.
“Recoñecemento ao traballo ben feito”
Con todo, o Alcalde, José Tomé, salienta que este galardón “supón un novo recoñecemento ao traballo ben feito cando no ano 2023 iniciamos o programa de implantación da recollida de residuos orgánicos no Concello de Monforte, sendo un dos primeiros concellos da provincia de Lugo en facelo”. Precisamente, o Concello de Monforte obtivo a Escoba de Platino 2024 “polo seu plan de xestión de materia orgánica adaptado ás necesidades dos cidadáns”. No ámbito urbano mediante sistema de cubeo, porta a porta, no periurbano a través de contedores con peche de chave e na zona rural entregando composteiros individuais para que, unha vez formados, produzan o seu propio compost”.
Actualmente, o Concello mantén activa a campaña informativa “RecicLemos de xeito sostible” para a mellora da xestión dos residuos orgánicos e da compostaxe no municipio que inclúe accións na rúa e nos centros educativos co obxectivo de sensibilizar a toda a poboación das vantaxes da compostaxe doméstica e da importancia de facer un bo uso do colector marrón. A iniciativa achega, de balde, colectores domésticos e composteiros individuais aos veciños e veciñas que o solicitan a través dun formulario ‘on line’ na páxina web municipal.
“Este premio anímanos a seguir avanzando nun modelo de cidade máis sostible e comprometida co medio ambiente. Monforte está a consolidarse como un referente en innovación aplicada aos servizos urbanos”, conclúe o Alcalde.