O Alcalde reivindica o seu compromiso coas parroquias e o rural de Monforte no pregón das festas de Gullade

Monforte de Lemos, 23 de agosto de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, foi o encargado de pronunciar este sábado, 22 de agosto, o pregón das Festas de San Roque, en Gullade, nun acto inaugural no que estivo acompañado polos xogadores do Club Lemos Pablo Losada e Daniel Dafonte. Na súa intervención, o rexedor puxo en valor a importancia das festas parroquiais como espazos de encontro, convivencia e transmisión das tradicións entre xeracións.

No inicio do seu pregón, José Tomé agradeceu a invitación para participar nas festas e, especialmente, o traballo das persoas que fan posible que se celebren cada ano. Neste sentido, destacou que detrás de cada celebración hai “moito traballo, moita ilusión e moitas horas entregadas” para facer posible que todo saia adiante.

O Alcalde salientou que as festas son tamén unha forma de manter vivas as tradicións e transmitir aos máis novos as experiencias e lembranzas das xeracións anteriores. “Todos temos algunha lembranza das festas: unha música, unha comida, unha verbena, alguén da familia que xa non está”, sinalou, subliñando que esas pequenas experiencias acaban formando parte da memoria de cada persoa e da identidade colectiva das parroquias.

José Tomé relacionou esta reflexión coa súa propia infancia, lembrando que naceu “nunha aldea de 3 casas”, onde as festas constituían un acontecemento especialmente importante e eran motivo de reunión de familiares e veciños.

 

 

O compromiso do Concello coas parroquias

Ao longo do pregón, o Alcalde reivindicou tamén o papel das parroquias. “Monforte non é só o seu núcleo urbano. Monforte tamén son as súas parroquias”, afirmou. Neste sentido, destacou o compromiso do Equipo de Goberno de estar preto dos veciños e veciñas do rural, escoitar as súas necesidades e traballar para mellorar a súa calidade de vida. “Temos que estar aquí, escoitarvos, atender as vosas necesidades e intentar mellorar a vida de todos os veciños e veciñas”, subliñou.

O Alcalde fixo especial referencia á identidade propia de Gullade, ás súas tradicións e ao seu patrimonio, citando como exemplo a igrexa parroquial de Santo Acisclo, situada en A Eirexe, un templo de orixe no século XVII que, ao longo das xeracións, converteuse nun elemento fundamental da vida espiritual e social da parroquia.

Así mesmo, o pregón tamén serviu para reivindicar o valor paisaxístico e natural de Gullade como parte da Ribeira Sacra, territorio do que Monforte exerce a capitalidade. O Alcalde puxo en valor a paisaxe de interior que caracteriza esta zona, formada por montes, camiños, pequenas aldeas e espazos naturais nos que a natureza continúa marcando o ritmo das estacións.

Neste contexto, sinalou que, nunha sociedade na que moitas veces se vive con présa, estes espazos teñen “un valor extraordinario” porque permiten parar, mirar, conversar e recuperar o contacto coa natureza que forma parte da identidade do territorio.

José Tomé expresou ademais a súa confianza en que a Ribeira Sacra sexa declarada Patrimonio Mundial da UNESCO o vindeiro ano, culminando así o recoñecemento internacional dos valores naturais, culturais, paisaxísticos e patrimoniais deste territorio.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Apoio ao deporte monfortino

Durante o acto, José Tomé referiuse tamén á presenza no palco de Pablo Losada e Daniel Dafonte, xogadores do Club Lemos, aos que agradeceu a súa participación nesta inauguración das festas, e lembrou que o deporte constitúe, ao igual que as festas, un importante elemento de unión entre as persoas.

Neste sentido, puxo en valor a tempada realizada polo Club Lemos, que estivo a piques de conseguir o ascenso a Terceira División, e animou ao equipo a afrontar a próxima tempada co obxectivo de conseguir o ascenso. “O Lemos ten que estar en Terceira, por historia e por cidade”, afirmou.

José Tomé concluíu desexando a todos e todas “unhas magníficas festas de San Roque” e animando á veciñanza a gozar da música, da alegría e dos encontros propios destas celebracións.