O Alcalde reivindica na inauguración da exposición de ADEGA “50 anos coidando a Terra” o seu compromiso coa protección ambiental

Monforte de Lemos, 1 de outubro de 2026. O Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé, participou este xoves na inauguración da exposición “50 anos coidando a Terra”, organizada por ADEGA con motivo do 50 aniversario da asociación. O rexedor estivo acompañado pola Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e polo Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada. Asistiron tamén outros membros da Corporación Municipal e representantes de asociacións e colectivos ecoloxistas da comarca.

 A mostra, que pode visitarse ata o 13 de outubro a carón das Casitas da Compañía, percorre cinco décadas de ecoloxismo galego e das principais loitas e problemáticas ambientais ás que se enfrontou Galicia.

O Alcalde agradeceu a ADEGA que escollera Monforte para acoller esta exposición e felicitou á organización polos seus 50 anos de compromiso coa defensa do medio ambiente. Neste senso, José Tomé subliña que “a protección ambiental debe ser entendida como unha responsabilidade permanente”, defendendo que “o progreso e a protección do medio natural teñen que ir da man, porque poden e deben ser compatibles”.

Así mesmo, na súa intervención, o Alcalde destacou o compromiso do seu Equipo de Goberno coa protección do medio ambiente, a recuperación dos espazos naturais e o incremento das zonas verdes da cidade: “Nos últimos dez anos construímos en Monforte catro novos parques e melloramos outros tres, o que permitiu incrementar as zonas verdes en máis de 56.000 metros cadrados, algo máis de 5,6 hectáreas”, indicou.

Puxo como exemplo tamén o proxecto para crear un corredor verde de aproximadamente 4 quilómetros arredor do núcleo urbano “que non só ofrecerá unha senda natural para peóns e ciclistas, senón que vai supor a recuperación ambiental dos regatos de Malloadas, Penela e Zapardiel”.

Para José Tomé, estas actuacións forman parte dun modelo de cidade que aposta por compatibilizar o desenvolvemento urbano coa conservación e recuperación da contorna natural. “Non se trata só de evitar determinados impactos ambientais, senón de conservar e protexer o que temos e entender que o patrimonio natural é tamén un activo fundamental para o futuro de Monforte e do conxunto da Ribeira Sacra”, sinalou.

 

Un percorrido por 50 anos de ecoloxismo galego

Así mesmo, o Alcalde animou á cidadanía a visitar a mostra e a reflexionar sobre a responsabilidade colectiva na protección do territorio: “Coidar a terra é coidar o noso presente, pero tamén é coidar o futuro dos que están por vir”.

A exposición “50 anos coidando a Terra” está formada por 16 paneis distribuídos en catro tótems cúbicos e acompañados de elementos simbólicos que lembran algunhas das principais mobilizacións ambientais desenvolvidas en Galicia.

A través de textos e imaxes, a mostra percorre a historia de ADEGA e as principais ameazas ambientais ás que se enfrontou Galicia nos últimos 50 anos, desde as verteduras contaminantes e os incendios forestais ata a defensa do territorio fronte á especulación e aos grandes proxectos industriais.