Monforte de Lemos, 10 de marzo de 2026. O Alcalde de Monforte , José Tomé Roca, acompañado pola Tenente Alcalde, Gloria Prada, participou onte na presentación oficial da cuarta edición de La Vuelta Femenina by Carrefour.es, unha das grandes citas do ciclismo feminino a nivel mundial e reunirá ás mellores ciclistas do panorama nacional e internacional. O acto tivo lugar no Auditorio Municipal de Ribeira (A Coruña), ás 19.00 horas, onde se deu a coñecer o percorrido completo da proba, que se disputará entre o domingo 3 e o sábado 9 de maio, con 7 etapas, catro delas en Galicia.
Tal e como xa anunciara o rexedor o venres pasado, Monforte será punto de partida da 4ª Etapa, Monforte de Lemos-Antas de Ulla, que arrancará na cidade do Cabe percorrendo o centro urbano. Terá unha lonxitude total de 115,2 km e será moi exixente, cun final que picará cara arriba, segundo explicaron na presentación.
En breve, o Director Xeral de La Vuelta, Javier Guillén, visitará Monforte para facer, xunto co Alcalde, a presentación en detalle da etapa con saída en Monforte, o día 6 de maio.
Da oro olímpico Pauline Ferrand-Prévot ás españolas Mavi García e Paula Blasi
Na presentación oficial da proba confirmouse a presenza na carreira da oro olímpico e vixente campiona do Tour de Francia, Pauline Ferrand-Prévot, así como da súa compañeira de Visma-Lease a Bike Marianne Vos; a estrela belga Lotte Kopecky (SD Worx-Protime); a suíza Marlen Reusser, líder de Movistar Team e segunda na xeral final do ano pasado, e as referentes españolas Mavi García e Paula Blasi, do UAE Team ADQ.
A participación de Monforte nesta Vuelta Femenina foi xestionada polo propio Alcalde con Javier Guillén, que tamén estivo presente no acto oficial de Ribeira, xunto con outras autoridades. José Tomé destaca o alto impacto deportivo e mediático a nivel internacional deste evento deportivo, unha cita xa consolidada no calendario do ciclismo feminino: “Terá cobertura en 190 países, incluíndo canais xeneralistas e canais temáticos deportivos, 18 emisoras en directo, 3 axencias de noticias e diferentes páxinas web nacionais e internacionais. Estamos falando dunha cobertura que abarca case todos os recunchos do planeta”, indicou.
Así mesmo, agárdase presenza ‘in situ’ de xornalistas especializados de 9 nacionalidades: Brasil, Francia, Italia, Colombia, República Checa, Portugal, Países Baixos, Polonia e España.
O inicio de etapa en Monforte, engade o rexedor, “supón unha promoción mundial de primeiro nivel do patrimonio histórico, artístico, cultural e natural de Monforte, ademais de dinamizar sectores como a hostalaría, o turismo ou o comercio local”.
Saída desde a Praza da Compañía
No caso de Monforte, a saída o mércores 6 de maio estará situada na Praza da Compañía e continuará pola rúa Cardenal, Avenida de Galicia, Ronda María Emilia Casas Baamonde, Doctor Casares e saída da cidade pola rúa Morín, para percorrer as localidades de Sarria, Láncara, Páramo, Portomarín, Ventas de Narón, Taboada e Monterroso para rematar en Antas de Ulla. A meta estará situada no Parque Central de Galicia, no punto identificado como o centro xeográfico de Galicia.
A retransmisión en España será a través de RTVE, e para toda Europa en Eurosport. Na edición de 2025, lembra o Alcalde, emitíronse en directo por Teledeporte todas as etapas e acreditáronse un total de 112 xornalistas de 66 medios de comunicación. As previsións de La Vuelta para esta edición son semellantes.
As sete etapas de La Vuelta Femenina by Carrefour.es
- Domingo 3 de maio, 1ª etapa: Marín > Salvaterra de Miño (113 km)
- Lunes 4 de maio, 2ª etapa: Lobios > San Cibrao das Viñas (109 km)
- Martes 5 de maio, 3ª etapa: Padrón > A Coruña (121 km)
- Miércoles 6 de maio, 4ª etapa: Monforte de Lemos > Antas de Ulla (115 km)
- Jueves 7 de maio, 5ª etapa: León > Astorga (119 km)
- Viernes 8 de maio, 6ª etapa: Gijón/Xixón > Les Praeres. Nava (106 km)
- Sábado 9 de maio, 7ª etapa: La Pola Llaviana/Pola de Laviana > L'Angliru (132 km).