O Alcalde deu a saída da 4ª Etapa de La Vuelta Femenina que percorreu o centro urbano de Monforte desde a Compañía ata o Morín

Monforte de Lemos, 6 de maio de 2026. A cidade de Monforte volveu ser hoxe protagonista do ciclismo a nivel mundial. O Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, foi o encargado de cortar a cinta de saída da 4ª Etapa de La Vuelta Femenina, un evento deportivo de alta competitividade que reúne ás mellores corredoras do ámbito nacional e internacional.

A etapa arrancou desde a Compañía e percorreu o centro urbano pasando polas rúas Cardenal, Avenida de Galicia, Chantada, Ronda Emilia Casas Baamonde, Doctor Casares e Morín, para finalmente saír da cidade pola LU-546 en dirección Bóveda. Centenares de veciños e veciñas da cidade congregáronse ao longo do itinerario para animar ás deportistas, entre as que se atopan algunas das mellores corredoras do mundo.

O ambiente concentrouse no entorno da Compañía desde as 13.00 horas, inicio do control de firmas. Foron moitos os monfortinas e monfortinas que acudiron para ver de preto o desenvolvemento dos momentos previos ao inicio da proba. Xa en torno ás 14.00 horas, o Alcalde, José Tomé, situouse no arco de saída para cortar a cinta que deu paso ao pelotón. Neste acto, o rexedor estivo acompañado, ademáis de pola Tenente Alcalde, polo Director Xeral de La Vuelta, Javier Guillén, o director deportivo de La Vuelta Femenina, Fernando Escartín, e a excorredora Dori Ruano, embaixadora desta proba deportiva. Asistiron tamén Concelleiros e Concelleiras do Equipo de Goberno e do resto da Corporación Municipal.

 

Excelente acollida

O Alcalde agradeceu a “excelente acollida” deste evento monfortino por parte da veciñanza de Monforte e quixo destacas “a relevancia deportiva e mediática deste evento que reúne ás mellores corredoras do ámbito nacional e internacional”. Así mesmo, puxo en valor tamén “o importante impacto na economía local, xa que a presenza de equipos, organización, medios e afeccionados contribúe a dinamizar sectores clave como a hostalaría, o comercio e o turismo, sendo esta unha ocasión excepcional para amosar ao mundo o noso patrimonio histórico e paisaxístico”.

Neste senso, Tomé Roca lembra que a cobertura mediática de La Vuelta Femenina alcanza 190 países, con retransmisión en canles como RTVE e Eurosport, e cun importante despregue de medios de comunicación nacionais e internacionais, ademais da presenza ‘in situ’ de xornalistas especializados de 9 nacionalidades: Brasil, Francia, Italia, Colombia, República Checa, Portugal, Países Baixos, Polonia e España.

 

4ª Etapa. Monforte de Lemos-Antas de Ulla

A 4ª Etapa, Monforte de Lemos-Antas de Ulla, saiu desde a Praza da Compañía en torno ás 14.15 horas percorrendo as rúas Cardenal, Avenida de Galicia, Ronda María Emilia Casas Baamonde e rúa Doctor Casares, para saír polo Morín en dirección Bóveda.

Trátase dunha etapa esixente de 115 quilómetros que, tras deixar Monforte, percorre localidades como Sarria, Láncara, O Páramo, Portomarín, Ventas de Narón, Taboada e Monterroso, para finalizar no Parque Central de Galicia, en Antas de Ulla.