O Alcalde supervisa o inicio dos traballos de rexeneración do firme en diversas rúas do núcleo urbano

Monforte de Lemos, 23 de setembro de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola Tenente Alcalde, Gloria Prada, e o Concelleiro de Medio Rural, Obras e Servizos, José Luis Losada, supervisou este mércores o inicio das obras de rexeneración do firme na rúa Vigo, no barrio do Casar, que se desenvolverán entre hoxe e mañá, e avanzou outras importantes actuacións de mellora na rede viaria do núcleo urbano e as parroquias, programadas nos próximos días. Entre elas, as que se levarán a cabo na céntrica Avenida de Galicia e rúa Chantada, delimitadas xa por conos instalados a ambos lados das vías.

Estas actuacións están recollidas no plan de mellora de vías urbanas e rurais do Concello presentado polo Alcalde na pasada primavera e que supón un investimento global de 1.059.733,23 euros en 10 proxectos que teñen por obxectivo mellorar a mobilidade e seguridade viaria de Monforte. O noso compromiso é “seguir mellorando as comunicacións, incrementar a seguridade viaria e facilitar os desprazamentos da veciñanza, tanto no centro urbano como nos barrios e nas parroquias do municipio”.

 

Xa en marcha as obras da rúa Vigo

Este mércores comezaron as obras de renovación do firme da rúa Vigo, no Casar, que se desenvolverán durante dúas xornadas, hoxe e mañá.

O proxecto, executado por Ovisa Pavimentos y Obras S.L.U., conta cun orzamento de 122.7334,67€. A actuación contempla a renovación do firme desde a estrada da Vide ata o barrio do Casar, incluíndo a reparación dos cortes existentes provocados por obras ou avarías da rede de auga, así como a renovación da sinalización.

José Tomé salientou que esta intervención permitirá completar a mellora dunha vía de acceso importante para o barrio do Casar e avanzar na súa urbanización.

“Neste caso estamos actuando sobre unha vía que dá servizo a unha zona importante da cidade e ao barrio do Casar. Coa renovación do firme e a reparación dos puntos deteriorados imos conseguir unha circulación máis cómoda e segura e mellorar tamén a conexión desta zona co resto de Monforte”, indicou.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Avenida de Galicia e rúa Chantada

A intervención na Avenida de Galicia e Rúa Chantada que comezarán a principios da vindeira semana cos traballos de fresado adxudicáronse á empresa Ovisa Pavimentos y Obras S.L.U.. Os traballos abranguen o tramo comprendido entre o cruce da rúa Cardeal e a rotonda do Hórreo e contempla o fresado do firme existente e a súa renovación integral, así como a posterior execución da sinalización horizontal e vertical. Este proxecto, que supón a mellora dunha das principais arterias de circulación na cidade supón unha inversión de 174.279 euros.

O Alcalde destaca a importancia destas obras para a mobilidade da cidade, ao tratarse de dúas vías de circulación fundamentais para as comunicacións dentro do núcleo urbano. “Estamos actuando en rúas que son auténticas arterias de comunicación de Monforte. O noso compromiso é manter en boas condicións as vías da cidade e das parroquias, porque iso significa mellorar a mobilidade, reforzar a seguridade viaria e, en definitiva, mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas”, sinalou José Tomé.

O rexedor lembrou que esta actuación dá continuidade ao traballo que o Concello está desenvolvendo para renovar progresivamente os firmes e mellorar a sinalización da rede viaria municipal, eliminando zonas deterioradas e facilitando unha circulación máis segura.

“Desde que chegamos ao Goberno municipal no ano 2015 vimos mantendo unha política constante de investimento no arranxo das rúas e dos camiños do municipio. Non se trata dunha actuación illada, senón dunha planificación para ir mellorando as comunicacións de Monforte e chegar a todos os barrios e parroquias”, subliñou.

 

Rúa Calvo Sotelo

O Alcalde avanzou tamén que a principios de outubro (semana do 5 ao 9), se as condicións meteorolóxicas o permiten, está previsto iniciar as obras da rúa Calvo Sotelo, outra das principais arterias de comunicación de Monforte, que conecta o barrio da Estación co centro urbano e serve tamén como vía de saída cara á N-120 en dirección a Castro Caldelas, Ponferrada e Ourense.

O proxecto adxudicouse tamén a Ovisa Pavimentos y Obras S.L.U. e supón unha inversión de 182.735,41€. Inclúe o fresado de toda a superficie viaria, a reparación dos afundimentos existentes na metade final da vía en dirección á Estación e a renovación da sinalización, mantendo os redutores de velocidade existentes.

“A rúa Calvo Sotelo é unha vía fundamental para a comunicación do barrio da Estación co resto da cidade. Coa súa renovación damos un paso máis para que as principais rúas de conexión de Monforte estean en boas condicións, algo que ten un efecto directo tanto na seguridade como na comodidade dos desprazamentos”, explicou o Alcalde.

 

Actuación na rúa Pintor Luis Seoane

O paquete de actuacións na zona urbana contempla tamén nun treito da rúa Pintor Luis Seoane, onde se intervirá no tramo inicial, desde a estrada de Chantada ata o remate das vivendas da marxe dereita. O proxecto contempla o rebaixado do firme actual para igualar a cota da nova pavimentación e evitar a entrada de augas pluviais nos edificios, ademais da instalación da correspondente sinalización horizontal e vertical.

Esta intervención conta cun orzamento de 11.214,05€ e será executada tamén pola empresa Ovisa Pavimentos e Obras S.L.U., aproveitando a proximidade coa actuación na rúa Chantada.

“Estamos coordinando as distintas obras para que os recursos públicos se aproveiten da mellor maneira posible e para que as actuacións se desenvolvan con rapidez. O obxectivo é seguir avanzando na renovación das rúas de Monforte e facelo cunha planificación que nos permita chegar ao maior número posible de zonas”, afirmou José Tomé.

 

Montepando-Bouza Brey

O plan de investimentos en infraestruturas viarias inclúe, así mesmo, a zona de Montepando-Bouza Brey, onde está previsto acondicionar unha pista que, indica o Alcalde, “na práctica son tres, xa que comeza xunto ao paso a nivel da rúa Escultor Francisco Moure e discorre en forma de Z ata chegar á rúa Reboredo, xunto ao paso a nivel do Reboredo”. Neste traxecto inclúense tamén dous ramais que dan servizo a casas illadas desa zona, cruzando a N-120 por pasos inferiores. Con esta intervención, que vai consistir en aglomerado en quente e sinalización, “quedarán arranxadas todas as pistas da zona”.

As obras, licitadas por 73.995,83 euros, adxudicáronse á empresa Extraco.

 

Avances nas actuacións do rural

O Alcalde informou, así mesmo, do avance das actuacións previstas nas parroquias, incluídas no mesmo paquete de investimento anunciado en maio.

En Piñeira, están xa en execución as obras da vía que comunica a estrada de Sober, no centro da parroquia, co acceso ao polígono do Reboredo. A actuación, executada pola empresa Bascuas, contempla o saneamento dos afundimentos e a regularización do firme, a aplicación dunha capa de aglomerado en quente e a correspondente sinalización, cun investimento de 177.770,29 euros.

A intervención en Piñeira inclúe a mellora das pistas que saen do lugar de “O Bosque”, para unirse na rúa Reboredo, unha delas xunto ao taller mecánico onde rematan os edificios da beirarrúa da dereita, e a outra despois da N-120, pasando xunto a unha finca que fai eventos de hostalería. Esta actuación nas dúas pistas ten un orzamento de 103.825,63 euros e serán acometidas por Ovisa.

O investimento total en Piñeira supera os 281.000 euros.

 

En Ribas Altas, están en marcha os traballos preparatorios para proceder ao asfaltado da marxe dereita da estrada de Monforte a Lugo. Esta actuación, cun importe de 104.037,01€, permitirá completar o asfaltado integral da zona, despois de que o ano pasado se mellorase a marxe esquerda. Executa Extraco.

Pola súa parte, as actuacións previstas nas parroquias de Marcelle e San Xoán de Tor están xa executadas. Neste caso, realizáronse traballos para a mellora da pista que une a recta de Marcelle co núcleo da Meda, renovación das pistas dos Asenxos e do Seixo e melloras do firme na pista Eirexe-Outeiro, onde se acometeron tamén reparacións en determinados treitos de muro lindante coa vía. O importe das adxudicacións nestas parroquias ascende a 91.956,37€ e foron realizadas por Opaga 03.

 

Outras actuacións

A maiores, están previstos traballos de mellora do asfaltado noutras vías da zona rural. Concretamente, nos accesos a Guntín, onde se intervirá en dous camiños, nunha actuación que ten un orzamento de 32.394,53 euros.

Tamén está prevista a mellora da pavimentación na intersección da rúa Amador López Espinosa coa rúa Ourense, xunto ao edificio da Sareb. Este proxecto ten un importe de 19.704,64 euros. Así mesmo, construirase unha pista Multiusos nas Cruces, por 48.869,33 euros.

 

Máis dun millón de euros para mellorar as comunicacións

O conxunto destas actuacións forma parte do investimento de máis dun millón de euros anunciado polo Alcalde para a mellora de rúas e vías tanto da zona urbana como das parroquias.

José Tomé puxo en valor o traballo desenvolvido polo seu Equipo de Goberno para converter este compromiso en actuacións concretas que xa están executadas ou en execución.

“O importante é que os proxectos que anunciamos convértense en obras e que a veciñanza poida ver os resultados. Hoxe estamos na Avenida de Galicia e semana que vén na rúa Calvo Sotelo. Esta é a nosa forma de traballar: planificar, investir e executar para seguir mellorando Monforte”, concluíu o Alcalde.