
Monforte de Lemos, 1 de abril de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, supervisou na mañá deste mércores, 1 de abril, as obras de renovación do firme nas rúas Lagares e Santa Clara, no centro urbano da cidade. As máquinas traballaron durante todo o día na colocación da capa de rodadura para completar o asfaltado nas dúas vías ao peche da xornada.
Ambos proxectos adxudicáronse por concurso á empresa Misturas Obras e Proxectos S.A. cunha inversión total que suma 51.753,25 euros.
As obras arrancaron na rúa Santa Clara, a rúa presentaba un asfalto deteriorado debido ao paso do tempo e o tráfico que soporta, polo que se aconsellaba unha actuación completa de rexeneración. A actuación comprende unha lonxitude de 220 metros, cun ancho medio de 6,10 metros, e inclúe o fresado completo da vía e colocación de nova capa de rodadura de aglomerado en quente ata un espesor de 5 cm. Nos próximos días levarase a cabo o pintado de marcas viais, símbolos e cebreados. Neste caso, o orzamento ascende a 25.542,22 euros.
No que respecta á rúa Lagares, as obras teñen un orzamento de 26.211,03 euros. Esta actuación supón a mellora do firme, que presentaba signos de deterioro, polo que procedeuse a unha actuación completa de rexeneración. Os traballos desenvólvense nunha lonxitude total de 220 metros, cun ancho medio de 5,97 metros.
O proxecto, semellante ao da rúa Santa Clara, contempla o fresado completo da vía e colocación dunha nova capa de rodadura de aglomerado quente ata un espesor de 5 centímetros. Estes traballos complétanse hoxe, polo que nos próximos días procederase ao pintado de marcas viais, símbolos e cebreados.
Mellora significativa
O Alcalde, José Tomé, sinala que “coa adxudicación destes novos proxectos continuamos co desenvolvemento do programa de mellora de infraestruturas da nosa cidade, un compromiso que teño adquirido cos monfortinos e coas monfortinas dende 2015, e que suporá unha moi significativa mellora nestas rúas do Concello”.