Monforte de Lemos, 14 de agosto de 2026. Monforte de Lemos chega ao ecuador das súas Festas Patronais cunha valoración “moi positiva” por parte do Alcalde, José Tomé, que destaca a importante afluencia de público rexistrada en todas as actividades programadas e o ambiente festivo que está a vivir a cidade.
O rexedor sinala que “estamos a vivir unhas Festas Patronais cunha participación moi importante, con moita xente nas rúas e nas diferentes actividades, e iso é unha satisfacción para o Concello e para todos os monfortinos e monfortinas”. O Alcalde subliña ademais que, ata o momento, “o ambiente está a ser extraordinario e non se produciron incidencias, o que permite desfrutar das festas con total normalidade”.
Desde a inauguración das Festas o pasado martes 11 co pregón a cargo do empresario monfortino José Manuel Rodríguez, Monforte acolleu xa numerosas actividades, entre as que destacan citas como o Festival Cómico e Festivo ‘A rúa é vosa’, con sesións de mañá e tarde na rúa Cardeal e na Praza de España, ou as actuacións da Gaitucada Aikirindo e da Orquestra do Conservatorio Municipal de Música de Monforte ‘Mestre Ibáñez’.
A programación musical tamén está a ter unha gran resposta por parte do público. Os concertos de De Vacas, Ráfaga e Miss Caffeina reuniron a numerosos asistentes e contribuíron a crear un gran ambiente festivo nas noites monfortinas. A estas actuacións súmanse os diferentes pasarrúas e actividades musicais que animan as rúas da cidade.
A nova fonte, un punto de encontro
O Alcalde destaca especialmente o ambiente que se está a vivir no Parque dos Condes, onde a nova fonte converteuse nun dos puntos de encontro e nun dos elementos protagonistas destas Festas. “A nova fonte está a ter unha acollida espectacular e está a contribuír a crear un ambiente moi especial no Parque dos Condes, que está a ser un dos espazos máis concorridos durante estas festas”, sinala José Tomé.
A programación continúa
As Festas Patronais afrontan agora a súa segunda metade con grades citas na programación. Nos vindeiros días están previstos os concertos de Marlon e Walls, así como a actuación do Grupo América de Vigo e a Orquestra Panorama, ademais das diferentes orquestras que animarán as noites de festa. A programación musical completarase tamén co protagonismo dos grupos locais Doc Mago's e Malenne, que terán a oportunidade de actuar ante o público monfortino dentro das Festas Patronais.
José Tomé anima á veciñanza e ás persoas que visitan Monforte a “seguir desfrutando das Festas, participando nas actividades e vivindo este ambiente tan especial que está a ter a cidade”. O Alcalde salienta que “aínda quedan moitos días de festa e unha programación moi variada, polo que agardamos que esta gran participación continúe ata o final”.
Desde o Concello faise tamén unha valoración positiva do desenvolvemento das festas desde o punto de vista da seguridade e da convivencia, xa que ata o momento non se rexistraron incidencias destacables, permitindo que as diferentes actividades se desenvolvesen con normalidade.
CONTINUACIÓN DO PROGRAMA DAS FESTAS PATRONAIS 2026 ATA O DOMINGO 16
Venres 14:
- 12:00 h. XII Festival Cómico Festivo ‘A rúa é vosa’. Jisoo Park. Rúa Cardeal.
- 13.00 h. XII Festival Cómico Festivo ‘A rúa é vosa’. Abraham Arzate. Praza de España.
- 19.00 h. XII Festival Cómico Festivo ‘A rúa é vosa’. Jisoo Park. Rúa Cardeal.
- 20.00 h. XII Festival Cómico Festivo ‘A rúa é vosa’. Abraham Arzate. Praza de España.
- 20:30 h. Pasarrúas a cargo da Asociación Cultural Amigos da Pandeireta, desde os barrios de San Antonio e Abeledos ata o centro da cidade.
- 21:30 h. Baile concerto da Banda de Acordeóns O Folión, na praza de España.
- 23:00 h. Orquestra Los Españoles, na praza da Compañía.
- 00:00 h. MARLON, na praza da Compañía.
- 01:30 h. Orquestra Los Españoles, na praza da Compañía.
Sábado 15. Día da Patroa:
- 10:00 h. Lanzamento de bombas de palenque.
- 11:00 h. Misa e ofrenda floral á Virxe de Montserrat, na Igrexa de San Vicente do Pino.
- 11:30 h. DÍA DO GAITEIRO. Alboradas con grupos de gaiteiros. Saída desde a praza de España e percorrido por diferentes rúas.
- 13:30 h. Concentración dos grupos tradicionais no centro urbano e actuacións ata ás 15:00 h. en diferentes espazos (Praza de Abastos, Praza Doutor Goyanes, centro da cidade, rúa Hermida Balado, Praza de España, avenida de Galicia-taxis, Praza dos Chaos e rúa Cardeal).
- 20:30 h. Mostra de Danza e Música Tradicional, na praza de España.
- 22.30 h. Doc Magoo’s, na praza da Compañía.
- 00:00 h. Fogos Artificiais dende San Vicente
- 00:30 h.- WALLS, na praza da Compañía.
- 02:00 h. Malenne, na praza da Compañía.
Domingo 16:
- 12:00 h. XII Festival Cómico Festivo ‘A rúa é vosa’. Animar-T. Rúa Cardeal.
- 13.00 h. XII Festival Cómico Festivo ‘A rúa é vosa’. Francis Zafrilla. Praza de España.
- 19.00 h. XII Festival Cómico Festivo ‘A rúa é vosa’. Animar-T. Rúa Cardeal.
- 20.00 h. XII Festival Cómico Festivo ‘A rúa é vosa’. Francis Zafrilla. Praza de España.
- 20:30 h. Batucada Baturruca. Desde Rioseco e barrio da Estación, rúas Calvo Sotelo e Roberto Baamonde, ata o centro da cidade.
- 20.30 h. Os Xograres de Lemos. Pasarrúas desde os barrios de A Pinguela e Carude ata o centro da cidade.
- 22:00 h. Grupo América de Vigo, na praza da Compañía.
- 00:00 h. Fogos Artificiais desde o río Cabe.
- 00:30 h. PANORAMA, na praza da Compañía.
- 02:30 h. Grupo América de Vigo, na praza da Compañía.
- 03:30 h. PANORAMA, na praza da Compañía.