
Monforte de Lemos, 20 de abril de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa da apertura da convocatoria de inscrición na 26 Mostra Artelemos, que se celebrará do 3 ao 8 de agosto, na zona peonil da rúa Cardeal. As bases para a inscrición, admisión e selección das artesás e artesáns participantes da que será a 26 edición do certame aprobáronse este luns na Xunta de Goberno Local.
Tal e como recolle este documento que xa se pode consultar na páxina web do Concello de Monforte, as artesás e artesáns interesados en participar deberán presentar o modelo normalizado de solicitude no Rexistro Xeral do Concello de Monforte, ou a través da sede electrónica. O prazo de solicitude comeza este martes, 21 de abril, e finaliza o vindeiro 20 de maio.
Poderán presentar solicitude participación na 26ª Mostra Artelemos, as/os artesás/áns profesionais legalmente constituídos que acrediten o desenvolvemento dunha actividade artesanal. Terán prioridade os obradoiros artesanais rexistrados na comunidade galega. Enténdese por artesán calquera actividade recollida no Anexo IV do Decreto 218/2007, de 7 de setembro polo que se refunde a normativa vixente en materia de artesanía.
Estarán dispoñibles para os efectos desta convocatoria e exclusivamente no período temporal determinado para a mostra, 30 stands entre 3-6 metros, aproximadamente.
Así mesmo, as bases recollen que os profesionais poderán participar de forma individual ou conxunta, en cuxo caso se deberá indicar expresamente na solicitude achegando a documentación de cada participante. No suposto de participación conxunta, o stand poderá ser compartido por un máximo de dúas/dous artesás/áns. Neste caso, a decoración será uniforme e non se admitirán divisións interiores.
Un escaparate de creatividade
O Alcalde, José Tomé, anima aos artesáns e artesás a participar nesta mostra, xa que, durante seis días –do 3 ao 8 de agosto–, “Monforte de Lemos converterase nun escaparate de creatividade e do saber facer artesanal, acollendo a 30 profesionais de diferentes disciplinas”. De feito, o certame ofrecerá unha ampla variedade de produtos elaborados a man, que abranguen desde a ourivaría, a cestería e o coiro, ata a la, a olería e outras expresións artísticas tradicionais.
Ademais, engade Tomé Roca, “o público poderá desfrutar de demostracións en vivo nas que os artesáns e as artesás amosarán o proceso de creación das súas pezas”. Tamén se organizarán obradoiros dirixidos a nenos e nenas, co obxectivo de achegar o mundo da artesanía aos máis pequenos.
O horario de apertura da Mostra será de 10.00 a 14.00 horas e de 18.00 a 22.00 horas, durante os seis días de duración do evento.
O Alcalde lembra que, desde o seu Equipo de Goberno Neste senso, engade que “o feito a man está en auxe, e os artesáns e artesás son hoxe en día un activo esencial para o desenvolvemento da industria rural”.