A Aula da UNED de Monforte estrea o Programa Sénior cun curso sobre patrimonio histórico-artístico na Ribeira Sacra

Monforte de Lemos, 19 de febreiro de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa da posta en marcha, por primeira vez na Aula UNED de Monforte de Lemos, do Programa Sénior, unha iniciativa dirixida a persoas maiores de 55 anos interesadas en enriquecer os seus coñecementos, independentemente da súa formación académica.

A iniciativa estréase co curso “Unha aproximación ao patrimonio histórico-artístico na Ribeira Sacra”, impartido por Ruth Díaz Amor, que se desenvolverá do 24 de febreiro ao 9 de xuño de 2026. As clases serán presenciais, na Aula UNED de Monforte, todos os martes, de 17.00 a 19.00 horas, o que supón un total de 15 sesións de dúas horas.

O prezo da matrícula é de 50€ e o prazo de inscrición está aberto desde hoxe e ata o 19 de marzo, a través do correo electrónico monforte@lugo.uned.es, no que tamén se ofrecerá máis información sobre o curso.

O rexedor anima as persoas maiores de 55 anos interesadas en mellorar os seus coñecementos a rexistrase nesta iniciativa que, “ademais de ofrecer aprendizaxes e un mellor coñecemento do entorno cultural, favorece a comunicación, as relacións sociais e o encontro interxeracional”.

O rexedor destaca, ademais, a alta calidade da formación coordinada pola Aula Universitaria da UNED en Monforte, “que precisamente este ano ven de acadar un récord histórico de participación superando por primeira vez as 100 inscricións no conxunto da súa oferta académica”.

 

A Ribeira Sacra, historia e patrimonio

O curso ofertado céntrase na gran concentración de patrimonio histórico, cultura e natural da Ribeira Sacra e fai un repaso pola súa historia co fin de entender o que é hoxe este territorio, candidato a formar parte do catálogo de lugares Patrimonio Mundial da Unesco.

A través das diferentes sesións formativas, e cunha metodoloxía centrada na reflexión, a observación, a comparación e o análise, o alumnado poderá identificar os principais referentes do patrimonio histórico-artístico da Ribeira Sacra, a cronoloxía histórica, a terminoloxía histórica e artística de cada período, e os características estilísticas asociadas a cada período.