
Monforte de Lemos, 21 de novembro de 2026. A Casa da Cultura de Monforte acolle este domingo, 22 de novembro, ás 18.00 horas, o espectáculo de maxia “Igualdade, onde estás?”, dirixido ao público familiar.
Esta actividade enmárcase na campaña “Monforte en negro contra as violencias”, organizada polo Concello de Monforte arredor do 25 de Novembro, Día Internacional da eliminación da Violencia de Xénero, co obxectivo de promover a sensibilización e a implicación de toda a sociedade na loita contra as violencias machistas.
A actuación correrá a cargo da ilusionista Maga Fani, que combinará ilusionismo, comedia e participación do público para transmitir valores de igualdade e transformación social. “Igualdade, onde estás?” é un espectáculo cheo de ilusións, moito humor e participación do público, para tentar expor non só as desigualdades de xénero cotiás e históricas, senón tamén a importancia de erradicalas a través da educación e a cultura.
A entrada é gratuíta ata completar o aforo.
SINOPSE: A protagonista desta historia nace un 8 de Marzo de 1975. A súa nai, considerando este feito como un claro sinal dunha misión, decide chamala Esperanza...“Esperanza Marzal”.
“Esperanza Marzal” traerá a igualdade: ela desexa que no século XXI as mulleres poidan ir tranquilas pola rúa, acadar os mesmos postos de traballo que calquera persoa e pregúntase por que, en moitas entrevistas nos medios de comunicación, ás mulleres pregúntaselles polo seu físico, no canto de facelo pola súa actividade, a conciliación da vida laboral e familiar, a finalización de todo tipo de violencia de xénero, abusos etc.
Deste xeito e a pesar de todas as celebracións do “Día da Muller”, segue sen palpar a “Igualdade”, por iso irá na súa procura, utilizando a maxia e o humor.
Cumprirá a súa misión?... atopará a igualdade?... onde estás, igualdade?

Acto central do 25-N na Praza do Concello
O acto central da conmemoración do 25-N desenvolverase o mércores 25 de novembro, ás 12:00 horas, na Praza do Concello. Comezará coa lectura do manifesto institucional, que correrá a cargo da concelleira de Muller e Igualdade, Regina López, e continuará coa performance “Cadeiras Baleiras”, unha acción artística e de protesta social que pretende visibilizar o baleiro irreversible que deixan as vítimas asasinadas pola violencia machista. Incluiranse tamén tres cadeiras baleiras en lembranza dos tres menores vítimas da violencia vicaria.
No acto participará alumnado de Educación Primaria dos centros educativos da cidade, co obxectivo de facer partícipes tamén aos máis novos desta xornada de reivindicación e concienciación. Ademais, repartirase entre as persoas asistentes material de sensibilización baixo o lema da campaña “Monforte en Negro contra as Violencias”.
Campaña de sensibilización e información durante todo o ano
A campaña inclúe tamén a colocación de pancartas conmemorativas do 25-N no edificio do Concello e no Centro Cívico, así como a instalación dun vinilo da campaña no Bus Urbano co propósito de difundir a mensaxe de rexeitamento á violencia de xénero e convidar á cidadanía a participar na concentración do día 25.
Como novidade, instaláronse tótems informativos permanentes sobre os recursos existentes fronte á violencia de xénero na Casa Consistorial, a Biblioteca Municipal e o Complexo Deportivo da Pinguela. Unha iniciativa que ten por obxectivo ofrecer información visual, sinxela e directa durante todo o ano, facilitando que calquera persoa ou entidade poida coñecer os recursos de apoio dispoñibles e saber onde acudir ante unha situación de violencia machista.

Curso de Defensa Persoal Feminina
O xoves 26 de novembro celebrarase no Centro Cívico unha nova edición do Curso de Defensa Persoal Feminina, unha actividade que se incorpora novamente ao programa municipal pola boa acollida que ten entre as participantes. O curso será impartido por Juan José Martínez, que empregará o “Método Mais” e unha metodoloxía específica de defensa persoal feminina para ensinar ás mulleres a utilizar o corpo e a mente ante posibles ameazas e situacións de risco.
A actividade desenvolverase en dúas quendas:
- Mañá: de 9:30 a 13:30 horas.
- Tarde: de 16:00 a 20:00 horas.
A participación é gratuíta, pero as prazas son limitadas e asignaranse por orde de inscrición. As mulleres interesadas deberán anotarse previamente no Centro de Información á Muller (CIM), no teléfono 982 41 63 50.
Teatro: “A cámara escura”
Tamén o xoves 26 de novembro, ás 20:15 horas, o Edificio Multiusos acollerá a representación da obra teatral “A cámara escura”, da compañía Vórtice Escénico, dentro da programación teatral que organiza o Concello de Monforte a través da Rede de Teatros e Auditorios.
A peza, escrita por José Luis Baños de Cos e dirixida por Sara Rey Seoane, está dirixida ao público adulto e aborda a realidade das vítimas do ciberacoso, que se ven conducidas a unha espiral de desprezo e dor.