
Monforte de Lemos, 24 de novembro de 2026. O Centro Cívico Social acollerá este xoves, 26 de novembro, un Curso de Defensa Persoal Feminina organizado polo Concello de Monforte a través da Concellería de Muller e Igualdade e do Centro de Información á Muller (CIM), dentro das actividades programadas para conmemorar o 25-N, Día Internacional da Eliminación da Violencia de Xénero.
Esta actividade inclúese todos os anos na programación do 25-N pola boa acollida que ten entre as mulleres. O obxectivo é dotalas de ferramentas para a súa defensa persoal e capacitalas para previr situacións de violencia de xénero. O obradoiro estará impartido por Juan José Martínez quen, a través do Método Máis e cunha metodoloxía de defensa persoal feminina, procura que as mulleres aprendan a empregar o corpo e a mente fronte as ameazas do día a día tanto para defenderse como para recoñecer os sinais de perigo e actuar de xeito preventivo evitando situacións de risco.
Desenvolverase o xoves, 26 de novembro, no Centro Cívico Social, e para que poida participar o maior número de persoas, este ano realizaranse dúas sesións independentes, unha de mañá e outra de tarde.
Os horarios dos grupos serán de 9:30 horas a 13:30 horas na sesión de mañá, e 16:00 a 20:00 horas pola tarde.
Curso teórico e práctico
O curso componse dunha parte teórica e doutra práctica que se darán en conxunto de forma dinámica. Na parte teórica traballaranse conceptos do Código Penal e conceptos psicolóxicos relacionados tanto coa vítima como co agresor.
A parte práctica ten como obxectivo lograr o control das 5 claves que contempla o programa: respiración, observación, valoración, estratexia e técnica, traballando a prevención ante situacións de risco para evitar a confrontación física sabendo que, se non se pode evitar, existen unha serie de técnicas para que a muller poida sentirse segura en calquera ámbito da súa vida.
A actividade é gratuíta e cun número de prazas limitado segundo orde de inscrición, polo que as mulleres interesadas deberán anotarse previamente no CIM (982 41 63 50).
Esta actividade foi concedida pola Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Consellería de Política Social e Igualdade ao Concello de Monforte de Lemos por estar adherido a Rede de Entidades Locais contra a violencia de xénero. 
Acto central do 25-N na Praza do Concello
O acto central da conmemoración do 25-N desenvolverase este mércores 25 de novembro, ás 12:00 horas, na Praza do Concello. Comezará coa lectura do manifesto institucional, que correrá a cargo da concelleira de Muller e Igualdade, Regina López, e continuará coa performance “Cadeiras Baleiras”, unha acción artística e de protesta social que pretende visibilizar o baleiro irreversible que deixan as vítimas asasinadas pola violencia machista. Incluiranse tamén tres cadeiras baleiras en lembranza dos tres menores vítimas da violencia vicaria.
No acto participará alumnado de Educación Primaria dos centros educativos da cidade, co obxectivo de facer partícipes tamén aos máis novos desta xornada de reivindicación e concienciación. Ademais, repartirase entre as persoas asistentes material de sensibilización baixo o lema da campaña “Monforte en Negro contra as Violencias”.

Teatro: “A cámara escura”
Tamén o xoves 26 de novembro, ás 20:15 horas, o Edificio Multiusos acollerá a representación da obra teatral “A cámara escura”, da compañía Vórtice Escénico, dentro da programación teatral que organiza o Concello de Monforte a través da Rede de Teatros e Auditorios.
A peza, escrita por José Luis Baños de Cos e dirixida por Sara Rey Seoane, está dirixida ao público adulto e aborda a realidade das vítimas do ciberacoso, que se ven conducidas a unha espiral de desprezo e dor.