
Monforte de Lemos, 18 de agosto de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, anuncia o comezo da V edición do Ciclo de Concertos de Grupos Monfortinos, coa participación de 11 grupos e actuacións en diferentes espazos da cidade, concretamente nas prazas de España, Estación e Compañía. Esta iniciativa do Alcalde forma parte do programa do Verán Cultural do Concello de Monforte e ten como finalidade dar visibilidade e proxección ás bandas de música local e ofrecer aos artistas monfortinos un espazo para dar a coñecer o seu traballo ante o público.
O ciclo arranca este mesmo martes, 18 de agosto, coas actuacións dos grupos Segunda Parte e Rockin’KB na Praza de España, e estenderase ata o 27 de agosto con seis xornadas de música e un total de 11 concertos.
O Ciclo de Concertos de Grupos Monfortinos foi unha das principais novidades do Programa de Verán de 2022, e tivo continuidade nos anos sucesivos.
Aposta polo talento local
“A iniciativa tivo moito éxito na primeira edición e decidimos mantela na programación nunha clara aposta pola creatividade e o talento local”, explica o Alcalde, ao tempo que destaca que “desde que puxemos en marcha este ciclo de concertos creáronse novos grupos locais”. Os grupos que non figuran no programa, ou ben participaron nas Festas Patronais ou nalgunha outra actividade, ou actuarán nos concertos de Nadal.
“Con este ciclo queremos que os grupos monfortinos sexan os protagonistas e que a veciñanza teña a oportunidade de descubrir e desfrutar da música que se fai na nosa propia cidade”. Deste xeito, a programación funciona como un punto de encontro entre os músicos locais e a veciñanza, ao tempo que contribúe a dinamizar a actividade cultural de Monforte.
O rexedor anima á cidadanía a participar nestes concertos e a apoiar aos grupos locais, “porque detrás de cada banda hai moito traballo e moitas horas de ensaio, e o mellor recoñecemento que poden recibir é sentir o apoio do público”, apunta José Tomé.
PROGRAMA COMPLETO:
MARTES 18 DE AGOSTO
- 22:30 H PRAZA DE ESPAÑA SEGUNDA PARTE
- 00:00 H PRAZA DE ESPAÑA ROCKIN’KB
MÉRCORES 19 DE AGOSTO
- 22:30 H PRAZA DA ESTACIÓN NECTARINE SOUL
- 00:00 H PRAZA DA ESTACIÓN CERO2CERO
XOVES 20 DE AGOSTO
- 22:30 H PRAZA DA COMPAÑÍA GALGA BLUES BAND
- 00:00 H PRAZA DA COMPAÑÍA BELLA CHAOS
MARTES 25 DE AGOSTO
- 23:00 H PRAZA DA ESTACIÓN MOVILLA Y LOS IRREPETIBLES
MÉRCORES 26 DE AGOSTO
- 22:30 H PRAZA DA COMPAÑÍA DEUCE
- 00:00 H DA COMPAÑÍA LOS JINETES DEL TRÓPICO
XOVES 27 DE AGOSTO
- 22:30 H PRAZA DE ESPAÑA 7 ROJO
- 00:00 H PRAZA DE ESPAÑA EL MUNDO DE SOFÍA BAND