O Programa Activa 2025-2026 clausura a súa edición máis participativa, con preto de 800 persoas inscritas

Monforte de Lemos, 18 de xuño de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola primeira Tenente de Alcalde de Monforte,  Gloria Prada, e polo Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada, ademais da coordinadora de Servizos Sociais do Concello, Luz Méndez, participaron na tarde deste mércores na festa de clausura do Programa Activa 2025-2026, a edición máis participativa, xa que contou con preto de 800 persoas inscritas. Este programa, dirixido especialmente ás persoas maiores de 55, é unha iniciativa municipal destinada a promover o envellecemento activo, a participación social e o benestar das persoas participantes.

O evento tivo lugar na Praza de Abastos de Monforte e reuniu a usuarios e usuarias, familiares, monitores e representantes municipais nunha xornada festiva na que se puxo en valor o traballo desenvolvido ao longo dos últimos nove meses.

Así, durante a celebración, os asistentes puideron desfrutar de diversas exhibicións de baile, entre elas pasodobre e ritmos latinos, protagonizadas polos participantes do programa. Ademais, instaláronse postos expositivos nos que se mostraron os traballos de manualidades realizados ao longo do curso polas usuarias e usuarios.

 

“Unha iniciativa prioritaria”

O Alcalde interveu ao comezo do acto para saudar aos asistentes e poñer en valor a importancia desta iniciativa municipal e o seu impacto positivo na vida das persoas participantes. “O Programa Activa é unha iniciativa prioritaria para o Concello porque, ademais de fomentar a aprendizaxe e os hábitos saudables, permite tecer lazos de amizade e compañeirismo entre os participantes”, sinalou o rexedor.

Destacou tamén o éxito de participación desta edición, na que “preto de 800 persoas pasaron polo Centro Cívico e polas parroquias entre outubro de 2025 e xuño de 2026, converténdose na edición con maior número de participantes da historia do programa”, indicou.

Máis alá das cifras, subliñou, “o máis importante é que o programa cumpriu coas expectativas en ámbitos tan relevantes como a aprendizaxe, a mellora da saúde física e emocional, o acompañamento e a creación de novas amizades”.

Neste senso, incidiu en que un dos principais logros acadados “foi contribuír a combater a soidade non desexada, así nolo transmitides vós mesmos e iso fainos sentir moi orgullosos e con gañas de seguir apostando por este programa”, afirmou.

Durante a súa intervención, o rexedor agradeceu o labor dos monitores e monitoras “pola súa profesionalidade, dedicación e calidade humana”, así como o traballo da Tenente de Alcalde na organización do programa, e da coordinadora e do persoal de Servizos Sociais e do persoal da Concellería. Tamén trasladou o seu agradecemento a todas as persoas participantes “pola confianza, entusiasmo e ganas de seguir aprendendo e desfrutando de cada etapa da vida”.

 

Traballando xa próxima edición

Finalmente, José Tomé anunciou que o Concello xa está a preparar a próxima edición do Programa Activa 2026-2027, e avanzou que o prazo de solicitudes abrirase previsiblemente durante o mes de setembro, co obxectivo de iniciar as actividades a mediados de outubro.

A xornada rematou cunha merenda de convivencia que serviu para compartir experiencias e celebrar os logros acadados durante o ano.

 

Alto grado de satisfacción

As enquisas realizadas entre os participantes nesta edición do Programa Activa amosan un alto grado de satisfacción tanto cos monitores das actividades como coa organización. Os participantes resaltan os beneficios desta iniciativa que, indican, axuda a evitar a soidade non desexada relacionándose con outras persoas, mellorando a saúde física e psíquica e aportando un espazo de desfrute en actividades nas que tamén aprenden cousas novas.

A inmensa maioría dos participantes pedíanlle ao Alcalde que continuara con estas actividades de cara ao futuro, polo beneficio social que supoñen.