A Concelleira de Cultura entrega os premios do XXXIII Certame Municipal de Teatro para Centros de Ensino de Monforte

Monforte de Lemos, 27 de maio de 2025. A Concelleira de Cultura do Concello de Monforte, Marina Doutón, entregou na tarde de hoxe os premios correspondentes ao XXXIII Certame Municipal de Teatro para Centros de Ensino de Monforte, convocado e organizado polo Concello de Monforte, a través da Concellería de Cultura. Esta edición desenvolveuse dende o 7 ao o 19 de maio e contou coa participación dos CEIP A Gándara e Monforte, o Colexio P. Ferroviario e os IES A Pinguela, Río Cabe e Daviña Rey. As representacións tiveron lugar nos seis casos no salón de actos da Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro, ás 20.00 horas.

Tras o visionado dun vídeo resumo das actuacións dos diferentes centros educativos participantes, a Concelleira de Cultura fixo entrega a cada un dos representantes de ditos centros da gravación da obra representada nun lapis de memoria personalizado co logo do Concello e un diploma acreditativo para cada un dos participantes.

Na súa intervención, Marina Doutón felicitou a todos os participantes, agradeceu a colaboración do persoal educativo e das familias, e puxo en valor a importancia de introducir o teatro en idades temperás: “O teatro é positivo en todos os sentidos, fomenta o traballo en equipo, a amizade, a oratoria... Por iso é un proxecto educativo que dende o Concello queremos potenciar”, indicou.

 

Participantes e obras representadas nesta edición:

  • CEIP A Gándara, coa obra “Acabouse a guerra”.
  • IES Río Cabe, coa peza titulada “Esmoleiros”.
  • IES A Pinguela, coa obra “A casa”.
  • Colexio P. Ferroviario, que representou “A gatipública”.
  • IES Daviña Rey, coa obra “O velorio”.
  • CEIP Monforte, con “Hoxe hai función”.

 

 

 

 

Éxito de asistencia e participación

Dende o Concello, destácase que as obras escenificadas resultaron un éxito tanto pola asistencia de público, como pola calidade interpretativa dos escolares e a orixinalidade e detalles dos decorados, para cuxa elaboración resultou fundamental a implicación do alumnado e das familias.

O Certame de Teatro para os Centros de Ensino é un dos certames municipais máis lonxevos, con máis de tres décadas de historia desde que comezou a súa andadura en 1991. O seu obxectivo non é outro que desenvolver as potencialidades artísticas e técnicas do alumnado e das persoas que o orientan, fomentando a convivencia, a tolerancia, a cooperación e a solidariedade.

O Concello colabora cos centros educativos participantes, aportando material para a realización da obra por unha cantidade máxima de 200 euros, coa intención de incentivar aos centros a que continúen participando neste certame, xa que supón a posibilidade de ofertar unha actividade complementaria ás habituais dos currículos educativos, altamente valorada polos profesionais do ensino. Así mesmo, o Concello busca a través do certame desenvolver as potencialidades artísticas e técnicas do alumnado e das persoas que o orientan, fomentando a convivencia, a tolerancia, a cooperación e a solidariedade.