A Concelleira de Cultura enxalza poder da literatura como “ferramenta para construír unha sociedade máis xusta”, na celebración das Letras Galegas en Monforte

Monforte de Lemos, 17 de maio de 2026. O Concello de Monforte de Lemos súmase hoxe á conmemoración do Día das Letras Galegas coa celebración do tradicional Festival das Letras Galegas, que tivo lugar esta mañá, a partir das 12.00 horas, na Casa da Cultura Lois Pereiro.

A Concelleira de Cultura, Marina Doutón, foi a encargada de presentar o certame, que contou coas actuacións da Asociación Cultural Amigos da Pandeireta de Monforte e da Coral Polifónica do Concello de Monforte. Asistiron tamén o Alcalde, José Tomé, a Tenente Alcalde, Gloria Prada, e os Concelleiros e Concelleiras de Medio Rural, Obras e Servizos, José Luis Losada e Muller, Igualdade e Comercio, Regina Arias, así como outros membros da Corporación Muncipal e numeroso público.

Na súa intervención, Marina Doutón, puxo en valor a figura da escritora e xornalista Begoña Caamaño, a quen se lle adica este ano o Día das Letras Galegas, á que definiu como unha “muller valente e vital” na defensa “do rigor, o compromiso social e o feminismo”. Neste senso, destacou o seu papel como narradora “demostrándonos que a literatura pode e debe ser unha ferramenta para cambiar o mundo e construír unha sociedade mellor”.

A continuación, a Concelleira de Cultura, deu paso as actuacións programadas para o acto e agradecendo a colaboración dos grupos participantes neste Festival organizado polo Concello para conmemorar o Días das Letras Galegas.

A Asociación Cultural Amigos da Pandeireta de Monforte, dirixida por Xosé Luis Cofán, interpretou sete pezas musicais recollendo no repertorio pezas variadas, dende as muiñeiras de Vilas, Mondariz ou Rodeiro, a foliadas, incluíndo como peche “Foliada do Cabe” con letra e música de Xosé Luis Cofán que, tal e como explicou o autor, pretende ser representativa de Monforte, por estar composta en honor á cidade do Cabe.

O segundo tramo do Festival estivo protagonizado pola actuación da Coral Polifónica do Concello de Monforte, que dirixe Fernando Sanmartino. O grupo interpretou cinco pezas da tradición popular con títulos como “A Virxe de Portovelo” e “Meu amor mariñeiro”.

O Festival rematou coa interpretación de dúas pezas a cargo das dúas agrupacións, pechando co Himno Galego.