
Monforte de Lemos, 16 de novembro de 2026. A Tenente de Alcalde de Monforte, Gloria Prada, e a Concelleira de Muller e Igualdade, Regina López, presentaron este luns en rolda de prensa a campaña de sensibilización “Monforte en negro contra as violencias”, organizada polo Concello de Monforte arredor do 25 de Novembro, Día Internacional da eliminación da Violencia de Xénero, co obxectivo de promover a sensibilización e a implicación de toda a sociedade na loita contra as violencias machistas.
Na súa intervención, a Concelleira de Muller e Igualdade trasladou unha mensaxe clara de rexeitamento a todas as formas de violencia que sofren as mulleres “polo mero feito de ser mulleres”, e fixo un chamamento á sociedade monfortina sobre a necesidade de “alzar a voz” contra esta lacra social.
Regina López afirmou que “a violencia de xénero non é un problema individual nin privado, senón unha realidade que afecta ao conxunto da sociedade e, polo tanto, require da implicación de todas e todos, mulleres e homes”, e incidiu en que, “ademais das agresións físicas, existen outras manifestacións de violencia machista, como o control, as ameazas, o illamento social, o maltrato psicolóxico ou a violencia sexual, que non poden ter cabida na nosa sociedade”.
Por este motivo, a Concelleira anima á veciñanza, ás asociacións, colectivos, entidades e empresas de Monforte a participar activamente nesta campaña e contribuír, desde os seus respectivos ámbitos, á construción dunha sociedade máis xusta, igualitaria e libre.

Acto central do 25-N na Praza do Concello
O acto central da conmemoración do 25-N desenvolverase o mércores 25 de novembro, ás 12:00 horas, na Praza do Concello. Comezará coa lectura do manifesto institucional, que correrá a cargo da concelleira de Muller e Igualdade, Regina López, e continuará coa performance “Cadeiras Baleiras”, unha acción artística e de protesta social que pretende visibilizar o baleiro irreversible que deixan as vítimas asasinadas pola violencia machista. Incluiranse tamén tres cadeiras baleiras en lembranza dos tres menores vítimas da violencia vicaria.
No acto participará alumnado de Educación Primaria dos centros educativos da cidade, co obxectivo de facer partícipes tamén aos máis novos desta xornada de reivindicación e concienciación. Ademais, repartirase entre as persoas asistentes material de sensibilización baixo o lema da campaña “Monforte en Negro contra as Violencias”.
Campaña de sensibilización e información durante todo o ano
Entre as accións previstas figura a colocación de pancartas conmemorativas do 25-N no edificio do Concello e no Centro Cívico, así como a instalación dun vinilo da campaña no Bus Urbano co propósito de difundir a mensaxe de rexeitamento á violencia de xénero e convidar á cidadanía a participar na concentración do día 25.
Tamén se distribuirán cartelas e dípticos informativos coa programación completa.
Como novidade, a partir de hoxe instalaranse tótems informativos permanentes sobre os recursos existentes fronte á violencia de xénero en diferentes dependencias municipais: a Casa Consistorial, a Biblioteca Municipal e o Complexo Deportivo da Pinguela.
Con esta iniciativa, explicou a Concelleira, o Concello pretende “ofrecer información visual, sinxela e directa durante todo o ano, facilitando que calquera persoa ou entidade poida coñecer os recursos de apoio dispoñibles e saber onde acudir ante unha situación de violencia machista”.
Deste xeito, indicou, “queremos trasladar tamén a mensaxe de apoio permanente a todas as mulleres que están sufrindo a violencia machista ou que se sintan ameazadas. Dicirlles que non están soas e que existen recursos para acompañalas e axudalas a saír desa situación”.
Obradoiros nos centros educativos
A programación municipal inclúe propostas dirixidas a diferentes idades e colectivos, con especial atención á prevención e á sensibilización da mocidade.
Desde o pasado 9 de novembro e ata o día 17 estase a desenvolver nas aulas de 6º de Educación Primaria de todos os centros educativos de Monforte o obradoiro “Prevención da violencia de xénero no contexto dixital”. A actividade busca proporcionar ao alumnado referencias claras sobre o uso seguro e saudable das tecnoloxías da información e da comunicación, promovendo a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes tamén no ámbito de Internet.
Desde o día 9 e ata o vindeiro 24 de novembro ten lugar o obradoiro “Violencia de xénero dixital: aproximación práctica”, dirixido ao alumnado de 3º da ESO de todos os centros educativos da cidade.
O obxectivo é axudar á mocidade a identificar, previr e actuar fronte ás violencias dixitais e ao cibermachismo, fortalecendo o pensamento crítico, o consentimento, a ética do coidado e a seguridade dixital desde a perspectiva dos dereitos humanos e da igualdade.

Espectáculo familiar de maxia “Igualdade, onde estás?”
O domingo 22 de novembro, ás 18:00 horas, o salón de actos da Casa da Cultura acollerá o espectáculo de maxia “Igualdade, onde estás?”, dirixido ao público familiar. A actuación correrá a cargo da ilusionista Maga Fani, que combinará ilusionismo, comedia e participación do público para transmitir valores de igualdade e transformación social.
A entrada será gratuíta ata completar o aforo.
Curso de Defensa Persoal Feminina
O xoves 26 de novembro celebrarase no Centro Cívico unha nova edición do Curso de Defensa Persoal Feminina, unha actividade que se incorpora novamente ao programa municipal pola boa acollida que ten entre as participantes. O curso será impartido por Juan José Martínez, que empregará o “Método Mais” e unha metodoloxía específica de defensa persoal feminina para ensinar ás mulleres a utilizar o corpo e a mente ante posibles ameazas e situacións de risco.
A actividade desenvolverase en dúas quendas:
- Mañá: de 9:30 a 13:30 horas.
- Tarde: de 16:00 a 20:00 horas.
A participación é gratuíta, pero as prazas son limitadas e asignaranse por orde de inscrición. As mulleres interesadas deberán anotarse previamente no Centro de Información á Muller (CIM), no teléfono 982 41 63 50.
Teatro: “A cámara escura”
Tamén o xoves 26 de novembro, ás 20:15 horas, o Edificio Multiusos acollerá a representación da obra teatral “A cámara escura”, da compañía Vórtice Escénico, dentro da programación teatral que organiza o Concello de Monforte a través da Rede de Teatros e Auditorios.
A peza, escrita por José Luis Baños de Cos e dirixida por Sara Rey Seoane, está dirixida ao público adulto e aborda a realidade das vítimas do ciberacoso, que se ven conducidas a unha espiral de desprezo e dor.
Unha resposta colectiva: tolerancia cero
A Concellería de Muller e Igualdade, Regina López, subliñou a importancia dunha “resposta social unánime” que poña de manifesto o rexeitamento de todas as formas de violencia contra as mulleres: “Eliminar a violencia de xénero lacra é unha responsabilidade de toda a sociedade e a nosa resposta ten que ser clara e contundente: tolerancia cero”.