Monforte de Lemos, 5 de outubro de 2026. O Concello de Monforte de Lemos convida ao alumnado de Secundaria e Bacharelato dos centros educativos da cidade á representación da obra “FOOT”, de Pallasos en Rebeldía, que terá lugar o xoves 8 de outubro, ás 12.00 horas, no Edificio Multiusos de Monforte.
A actividade, organizada coa colaboración do Fondo Galego de Cooperación e de Culturactiva, contará coa asistencia de arredor de 200 persoas, entre alumnado e profesorado dos IES A Pinguela, IES Río Cabe, IES Daviña Rey e Colexio Ferroviario.
Aínda que se dirixe especificamente ao ámbito escolar, a obra está aberta ao público xeral, polo que poden acudir todas as persoas interesadas, ata completar aforo.
Unha obra que aborda a realidade de Palestina a través do fútbol
Inspirada en eventos reais, “FOOT” é un monólogo poético, cómico e surrealista na voz dun futbolista palestino que relata o imposible camiño do seu equipo para clasificarse na Copa Mundial. A través desta historia, a obra aborda cuestións como os controis militares, o exilio, a corrupción e a morte, empregando o fútbol como punto de partida para achegarse á realidade do pobo palestino e a outros aspectos relacionados con Palestina.
A proposta está escrita polo dramaturgo palestino-americano Ismail Khalidi, dirixida por Iván Prado e protagonizada por Fran Rei.
O Alcalde de Monforte, José Tomé, salienta a importancia de achegar aos máis novos propostas culturais que, ademais de ofrecer unha experiencia artística, permitan coñecer e reflexionar sobre diferentes realidades sociais e internacionais.
“Desde o Equipo de Goberno do Concello queremos que a cultura sexa tamén unha ferramenta para educar en valores, para fomentar a solidariedade e para achegar aos nosos mozos e mozas realidades que, aínda que poidan parecer afastadas, forman parte do mundo no que vivimos”, sinala José Tomé.
“É importante que os nosos estudantes teñan a oportunidade de achegarse a estas cuestións desde o teatro, desde unha proposta artística e próxima, que lles permita coñecer, reflexionar e formular as súas propias preguntas”, engade José Tomé.
A cultura como ferramenta de sensibilización
“FOOT” forma parte do traballo desenvolvido por Pallasos en Rebeldía, un espazo artístico de solidariedade internacional e transformación social que emprega o teatro, o clown e as artes circenses como ferramentas de sensibilización.