O Concello Monforte celebrou hoxe a campaña internacional “Quere o teu mercado” e ofreceu unha degustación de produtos gastronómicos na Praza de Abastos

Monforte de Lemos, 30 de maio de 2026. A Praza de Abastos de Monforte acolleu hoxe, sábado 30 de maio, unha nova edición da campaña internacional “Quere o teu mercado”, unha iniciativa orientada á dinamización das prazas de abastos e á promoción do comercio local e de proximidade.

Ao acto asistiron a Tenente de Alcalde, Gloria Prada, a Concelleira de Cultura, Marina Doutón, e a Concelleira de Muller, Igualdade e Consumo, Regina López, que compartiron a xornada con praceiros, praceiras e veciñanza que se achegou ata o mercado municipal para participar nas actividades programadas.

Durante a celebración, as persoas asistentes puideron desfrutar de degustacións gratuítas de produtos gastronómicos de calidade, ademais de recibir bolsas de tea da campaña “Quere o teu mercado” e outros agasallos promocionais facilitados pola Dirección Xeral de Comercio.

Esta iniciativa permitiu poñer en valor o papel fundamental que desempeña a Praza de Abastos de Monforte como espazo de referencia para as compras de proximidade, destacando a calidade dos produtos comercializados polos praceiros e praceiras e a importancia de apoiar o pequeno comercio local.

O Concello de Monforte de Lemos reafirma o seu compromiso coa promoción do comercio de proximidade e coa dinamización da Praza de Abastos, un espazo que combina tradición e modernidade e que constitúe un elemento esencial da actividade económica e social da cidade.

Así mesmo, agradece a colaboración dos praceiros e praceiras da Praza de Abastos e a participación de todas as persoas que se achegaron durante a xornada, contribuíndo ao éxito desta nova edición da campaña.