O Concello concede 8.000€ en axudas a catro entidades sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de actividades de carácter social

Monforte de Lemos, 24 de agosto de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa da resolución da convocatoria de axudas dirixidas a asociacións ou entidades sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de actuacións no ámbito dos servizos sociais e da inclusión social no ano 2026. A Xunta de Goberno Local aprobou, na sesión ordinaria deste luns, 24 de agosto, a concesión de subvencións ás catro entidades que presentaron solicitude e ás que se lles concede o importe máximo da subvención, que son 2.000€.

 Trátase da Asociación Agora para persoas con discapacidade, que destinará a subvención ao proxecto CreARTE; a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer Afamon, para o programa de estimulación cognitiva a través das novas tecnoloxías; Auxilia, destinada á promoción da autonomía persoal das persoas con discapacidade e enfermos crónicos, e Asociación Albores, que solicitou esta subvención desenvolver o programa sociosanitario en saúde mental ‘Promoción da saúde e da participación comunitaria 2026’.

 

Con estas axudas, sinala o Alcalde, José Tomé Roca, “queremos facilitar a estas entidades recursos para a inclusión social, para garantir a autonomía persoal e para brindar oportunidades sociais e educativas, así como axudar a previr a dependencia, desigualdade ou desprotección nas persoas máis vulnerables”.

Esta liña de subvencións posta en marcha polo Equipo de Goberno pretende fomentar e apoiar o desenvolvemento de proxectos complementarios de servizos sociais comunitarios por parte de entidades de iniciativa social previamente inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións, atendendo ao seu interese social, calidade, carácter innovador e articulación efectiva coa oferta pública de servizos sociais comunitarios.

A contía destinada a estas subvencións para actividades realizadas no ano 2026, concretamente no período comprendido entre o 01/01/2026 e o 30/11/2026, ascende a 12.000 euros, sendo 2.000 euros a contía máxima de cada subvención. Do mesmo xeito, como regra xeral o importe máximo da subvención para cada proxecto ou actividade non poderá exceder do 75% do seu orzamento.