O Concello distribúe gafas homologadas para a observación segura da eclipse solar do 12 de agosto

Monforte de Lemos, 10 de agosto de 2026. Diante da elevada demanda da cidadanía de material de protección ocular para a observación da eclipse solar que terá lugar o vindeiro mércores 12 de agosto, o Concello de Monforte pon disposición dos veciños e veciñas gafas homologadas específicas para o seguimento seguro deste fenómeno astronómico.

As persoas interesadas poderán recoller as gafas de maneira gratuíta no vestíbulo da Casa do Concello, en horario de 9:30 a 13:30 horas, ata fin de existencias.

Así mesmo, o Goberno municipal fai un chamamento á responsabilidade e á colaboración da veciñanza, solicitando que cada persoa recolla unha única unidade. Deste xeito, facilitarase que as gafas poidan chegar ao maior número posible de cidadáns interesados en presenciar este acontecemento excepcional, que poderá observarse na súa totalidade desde Monforte de Lemos.

Dende o Concello lémbrase a importancia de utilizar protección ocular homologada para observar a eclipse solar, evitando en todo momento mirar directamente ao Sol sen os medios adecuados, co fin de previr posibles danos na visión.

 

41 segundos de escuridade

Monforte de Lemos atópase na franxa de totalidade da eclipse solar do 12 de agosto, polo que desde a cidade será posible observar o fenómeno na súa integridade, cunha fase de escuridade total de aproximadamente 41 segundos. Esta circunstancia fai prever unha importante afluencia de persoas interesadas en seguir este acontecemento excepcional.

Desde o Concello de Monforte recoméndase seguir en todo momento as indicacións de seguridade e empregar exclusivamente gafas homologadas para a observación da eclipse, contribuíndo así a desfrutar deste fenómeno único dun xeito seguro e responsable.