Monforte de Lemos, 14 de abril de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa da convocatoria para a contratación do servizo de Control de pombas domésticas no Concello, co obxectivo de reducir as molestias e prexuízos que a superpoboación destas aves causan aos cidadáns e edificios do municipio. Con esta finalidade, a Xunta de Goberno Local aprobou o pasado luns, 13 de abril, o inicio do procedemento de licitación, que parte dun orzamento anual estimado de 7.500€.
Este procedemento súmase ao xa en marcha para a contratación do servizo de Desratización, desinsectación e desinfección dirixido a reducir a presenza de pragas e garantir as condicións hixiénico-sanitarias no municipio. Neste caso, o procedemento arrancou o 16 de marzo e atópase actualmente en fase de valoración de ofertas. O prezo de saída deste contrato é de 4.598€ anuais, polo que, en conxunto, o orzamento anual estimado para ámbolos dous servizos ascende a 12.098€. A duración prevista nos dous contratos é de dous anos, prorrogables por períodos dun ano ata un máximo de catro anos.
O Alcalde explica que as empresas aspirantes “deben estar debidamente especializadas e homologadas polas autoridades competentes para estas tarefas”, co fin de elaborar e levar a cabo un Plan Integral para o control de pragas e de pombas domésticas no municipio.
Control de pombas domésticas
Neste caso, o Alcalde sinala que, “debido as molestias e prexuízos que a superpoboación de pombas causan ós cidadáns e edificios do municipio, é preciso realizar labores de control que reduzan a poboación de pomba doméstica asentada na cidade de Monforte, ata uns mínimos aceptables”.
O obxectivo deste servizo será o de reducir a poboación da pomba doméstica (Columba livia) mediante métodos non violentos nin crueis, en todas aquelas zonas do termo municipal de Monforte de Lemos onde se determine que a súa densidade de poboación excede dos niveis normais para dita especie e que isto repercute nas condicións hixiénico-sanitarias ou ambientais do lugar influíndo na degradación patrimonial.
Así mesmo, realizarase un seguimento, censado e estudo da poboación de pombas existentes no Concello de Monforte e do seu estado sanitario xeral. O plan anual de acción contemplará a actuación específica na vía pública, edificios e instalacións municipais, así como as propostas de actuación en aqueles lugares que constitúan puntos afectados por sobrepoboación de pombas.
En particular, os traballos que deberá realizar a empresa adxudicataria son os seguintes:
1. Control de pombas en parques e xardíns, casas e solares deshabitados, cemiterio e, en xeral, todos aqueles lugares onde proceda, a proposta do Concello.
2. Control de pombas en dependencias municipais, colexios públicos e, en xeral, todos aqueles lugares onde proceda. a proposta do Concello.
3. Atención de avisos ou incidencias ocasionados pola poboación de pombas do municipio que afecten á saúde pública.
Desratización, desinsectación e desinfección
Neste caso, o Alcalde explica que as empresas aspirantes “deben estar debidamente especializadas e homologadas polas autoridades competentes para estas tarefas”, co fin de elaborar e levar a cabo un Plan Integral de Desratización, Desinsectación e Desinfección no municipio.
O Plan Integral contemplará a actuación específica na vía pública e rede de sumidoiros, edificios e instalacións municipais, así como as propostas de actuación naqueles lugares que constitúan puntos singulares de infección. Así mesmo, as empresas candidatas deberán especificar debidamente o plan e a metodoloxía de traballo, así como os métodos de control a empregar, co fin de avaliar a efectividade do tratamento levado a cabo.
Os traballos que deberá realizar a empresa adxudicataria son os seguintes:
1. Desratización das redes de sumidoiros municipais, saídas de augas fecais, parques e xardíns, casas e solares deshabitados, cemiterio e, en xeral, todos aqueles lugares onde proceda realizar os servizos a proposta do Concello.
2. Desinsectación e desinfección, co obxectivo de establecer un control da poboación de insectos, de incidencia habitual ou puntual, en lugares onde aparezan ou se desenvolvan e puideran constituír unha praga ou derivar en problemas hixiénico-sanitarios.
3. Desratización, desinsectación e desinfección de dependencias municipais, colexios públicos e, en xeral, todos aqueles lugares onde proceda realizar os servizos a proposta do Concello.
4. Atención de avisos ou incidencias ocasionados polos vectores obxecto dos traballos.
5. Ademais do anterior, a empresa adxudicataria do servizo deberá tratar debidamente calquera outra praga de insectos ou similares que poida producirse na localidade e que poida afectar á saúde pública.
O contrato contempla tamén o desenvolvemento das actuacións preventivas que sexan precisas, co obxectivo de conseguir unha redución e eliminación da poboación problemática no municipio. Todos os traballos serán realizados por persoal cualificado e realizaranse coas máximas garantías de seguridade para persoas, animais e o medio ambiente. Neste senso, a contratación esixe que a empresa adxudicataria conte cunha Dirección Técnica que supervise, avalíe, controle e se responsabilice dos traballos desenvolvidos baixo a supervisión da Concellería de Medio Ambiente do Concello de Monforte.