Monforte de Lemos, 17 de xuño de 2026. Coa finalidade apoiar a participación de clubs deportivos monfortinos en campionatos de España, de Europa ou do mundo, o Concello de Monforte mantén aberta unha liña de axudas destinadas a financiar os gastos derivados da inscrición nestes eventos. A nova convocatoria, dirixida a cubrir as competicións celebradas entre o 14 de outubro de 2025 e o 13 de outubro de 2026, conta cunha contía total de 12.000€ e o prazo para solicitar as axudas está aberto desde hoxe, 17 de xuño, ata o propio 13 de outubro de 2026.
O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, sinala que, “o deporte monfortino vive un momento moi bo e son varios os clubs que se clasifican para participar en campionatos nacionais e internacionais”. Con estas axudas, engade, “desde o Equipo de Goberno queremos contribuír a que poidan acudir a estas competicións, xa que somos conscientes do esforzo económico que isto supón”.
Neste senso, destaca a importancia destas novas axudas “nunha cidade na que contamos cunha excepcional canteira de deportistas que destacan en moitas disciplinas e que sitúan a Monforte nun lugar elevado dentro da elite deportiva galega, nacional e internacional”.
Trátase dunha liña de axudas que se concederá por procedemento de concorrencia non competitiva a clubs deportivos do Concello de Monforte que participen en Campionatos de España, de Europa ou do mundo propios da súa modalidade deportiva.
Estas subvencións outórganse polo procedemento de concorrencia non competitiva, consonte ao disposto no artigo 19.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, entre as solicitude presentadas que reúnan os requisitos establecidos dado que, polo obxecto e finalidade da subvención, non é necesario realizar a comparación e prelación entre as solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario previsto. As solicitudes de subvención presentadas en prazo e cos requisitos establecidos nas bases, tramitaranse e resolveranse por orde de entrada da solicitude no rexistro.
Contías establecidas
As contías establecidas son as seguintes:
-Modalidades deportivas de equipo (fútbol, voleibol, baloncesto, etc.):
- Participación nun campionato de España: 1.000€.
- Participación nun campionato de Europa organizado en España: 1.000€.
- Participación nun campionato de Europa organizado fóra de España: 1.500€.
- Participación nun campionato do mundo organizado en España: 1.000€.
- Participación nun campionato do mundo organizado fóra de España : 2.000€.
-Modalidades deportivas individuais (natación, piragüismo, etc.):
- Participación nun campionato de España: 200€ por deportista ata un máximo de 1.000€.
- Participación nun campionato de Europa organizado en España: 200€ por deportista ata un máximo de 1.000€.
- Participación nun campionato de Europa organizado fóra de España: 300€ por deportista ata un máximo de 1.500€.
- Participación nun campionato do mundo organizado en España: 200€ por deportista ata un máximo de 1.000€.
- Participación nun campionato do mundo organizado fóra de España : 400€ por deportista ata un máximo de 2.000€.
Os interesados poderán presentar ata tres solicitudes de subvención, sempre e cando sexan pola participación en campionatos de diferente ámbito xeográfico ou territorial (España, Europa, mundial). No caso de que un club participe en varios campionatos do mesmo ámbito xeográfico ou territorial, poderá presentar unha única solicitude.
Beneficiarios
Poderán solicitar as subvencións reguladas na presente convocatoria as asociacións e clubs deportivos legalmente constituídos, que estean inscritos no Rexistro Municipal de Asociacións Deportivas, que teñan a seu domicilio social no Concello de Monforte de Lemos e que cumpran, ademais dos sinalados no artigo 13 da Lei 38/2003, de 17 de novembro, Xeral de Subvencións, e no art. 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de Subvencións de Galicia, os seguintes requisitos:
- Carecer de ánimo de lucro.
- Non ser debedor co Concello por calquera tipo de débeda de dereito público (será comprobado de oficio pola administración).
- Non ser debedor coa Facenda estatal ou autonómica e estar ao corrente das obrigas coa Seguridade Social.
- Non estar incurso en prohibicións para obter a condición de beneficiario de subvencións públicas
- Ter xustificado debidamente as subvencións municipais recibidas con anterioridade nos termos que se fixasen nas correspondentes convocatorias.
Ter participado entre o 14.10.2025 e o 13.10.2026, ben polo club ou por deportistas integrantes do club que participen coas correspondentes seleccións de ámbito galego ou nacional, nalgún campionato de España, de Europa ou do mundo propio da modalidade deportiva.
Gastos subvencionables
Os gastos subvencionables a través desta convocatoria son os seguintes:
-Federativos ( canons federativos, inscricións en competición, etc.).
-Gastos de desprazamentos para a participación nas competicións deportivas obxecto da convocatoria (quedan excluídos os gastos de combustible cando o vehículo non estea matriculado a nome do Club Deportivo).
Enténdense por gastos de desprazamentos aqueles que teñan os clubs deportivos con motivo da asistencia a competicións fora do ámbito municipal obxecto da convocatoria, do tipo de:
• Gastos de transporte
• Gastos de hoteis e manutención
Será preciso acreditar a relación entre o gasto e a competición.
A instancia e a documentación deberá presentarase obrigatoriamente a través de medios electrónicos tal e como se establece na Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.