O Concello adxudica por 9.000€ o contrato para Desratización, desinsectación e desinfección do municipio durante 2 anos

Monforte de Lemos, 21 de maio de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa da adxudicación do contrato para a Desratización, desinsectación e desinfección do municipio de Monforte. A Xunta de Goberno Local celebrada o pasado luns deu luz verde ao contrato coa empresa Lokímica SAU, que prestará o servizo por un prezo 9.012,08€, e un prazo de execución de 2 anos, prorrogables por períodos dun ano ata un máximo de catro actuacións anuais.

Tal e como establecían as bases deste procedemento, a empresa aspirante deben estar debidamente especializada e homologada polas autoridades competentes para as tarefas recollidas no servizo, co fin de elaborar e levar a cabo un Plan Integral de Desratización, Desinsectación e Desinfección no municipio.

Dito plan contempla a actuación específica na vía pública e rede de sumidoiros, edificios e instalacións municipais, así como as propostas de actuación naqueles lugares que constitúan puntos singulares de infección.

 

Os traballos que deberá realizar a empresa adxudicataria son os seguintes:

1. Desratización das redes de sumidoiros municipais, saídas de augas fecais, parques e xardíns, casas e solares deshabitados, cemiterio e, en xeral, todos aqueles lugares onde proceda realizar os servizos a proposta do Concello.

2. Desinsectación e desinfección, co obxectivo de establecer un control da poboación de insectos, de incidencia habitual ou puntual, en lugares onde aparezan ou se desenvolvan e puideran constituír unha praga ou derivar en problemas hixiénico-sanitarios.

3. Desratización, desinsectación e desinfección de dependencias municipais, colexios públicos e, en xeral, todos aqueles lugares onde proceda realizar os servizos a proposta do Concello.

4. Atención de avisos ou incidencias ocasionados polos vectores obxecto dos traballos.

5. Ademais do anterior, a empresa adxudicataria do servizo deberá tratar debidamente calquera outra praga de insectos ou similares que poida producirse na localidade e que poida afectar á saúde pública.

 

Actuacións preventivas

O contrato contempla tamén o desenvolvemento das actuacións preventivas que sexan precisas, co obxectivo de conseguir unha redución e eliminación da poboación problemática no municipio.

Todos os traballos serán realizados por persoal cualificado e realizaranse coas máximas garantías de seguridade para persoas, animais e o medio ambiente. Neste senso, a contratación esixe que a empresa adxudicataria conte cunha Dirección Técnica que supervise, avalíe, controle e se responsabilice dos traballos desenvolvidos baixo a supervisión da Concellería de Medio Ambiente do Concello de Monforte.

 

Ámbito de aplicación

O ámbito territorial sobre o que a empresa adxudicataria deberá realizar os traballos comprenderá o municipio de Monforte de Lemos. Concretamente, lugares de dominio público como son a rede xeral de saneamento, arquetas, pozos e colectores, instalacións eléctricas, marxes de canles, ríos e regatos, centros e dependencias de competencia municipal, zonas públicas e zonas privadas de uso público. Ademais de lugares privados cando a autoridade municipal ou xudicial competente o ordene, e aquelas zonas que, a xuízo dos técnicos municipais, requiran especial atención.

Especificamente, os traballos levaranse a cabo nos seguintes espazos:

  • Dependencias municipais: Multiusos, Escola taller da Pinguela, Campo de fútbol da Pinguela, Casitas da Compañía, Casa da Cultura, Edificio Praza de España nº2, Museo-Centro do Viño, Praza de Abastos – Centro de Día, Gardería Municipal, Casa do Concello, Cárcere Vello, Torre da Homenaxe, Instalacións Deportivas do Luis Bodegas, Nave de Duquesa de Alba, Mercado Gandeiro, Casa Escola da Penela, Centro Cívico, Casita do Malecón, Edificio Expolemos, Campo de fútbol de As Lamas, Centro do Peregrino e Nave Polígono do Reboredo.
  • Colexios públicos: Colexio Novo, Colexio Infanta Elena e Colexio Gándaras.
  • Locais Sociais que o Concello ten nas 27 parroquias do municipio.