
Monforte de Lemos, 11 de xuño de 2026. O Concello de Monforte organiza, a través do Conservatorio Municipal de Música ‘Mestre Ibáñez’, unha nova edición da xornada “Conservatorio na rúa”, que terá lugar mañá venres, 12 de xuño, nas rúas peonís Cardeal e Hermida Balado, entre as 19.00 e as 20.30 horas.
O evento desenvolverase ao aire libre creando nestas rúas peonís puntos musicais con distintos instrumentos. Participará alumnado e profesorado do Conservatorio monfortino que, precisamente este ano, celebra o seu 25 aniversario.
O Alcalde, José Tomé, anima aos monfortinos e monfortinas a asistir a estes concertos que encherán de animación ás rúas do centro urbano: “Con esta mostra musical pretendemos dar a coñecer a actividade que se realiza no Conservatorio dun xeito distinto ao habitual, máis aberto e público, procurando a formación integral do alumnado e intentando crear ao mesmo tempo un ambiente musical nestas céntricas rúas”.