O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, fai un chamamento á responsabilidade e á colaboración da cidadanía ante a actual situación de seca e a necesidade de preservar os recursos hídricos.
Aínda que Monforte non ten problema de abastecemento, logo das comunicacións recibidas tanto da Xunta de Galicia como da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, o rexedor asinou na mañá deste luns un Bando da Alcaldía no que se solicita á veciñanza que leve a cabo un uso responsable da auga, evitando aqueles consumos que non sexan imprescindibles.
Esta petición adquire especial relevancia durante os próximos días, coincidindo coa celebración das Festas Patronais de Monforte, un período no que se produce un incremento da actividade e da afluencia de persoas na cidade.
Limitar a rega de xardíns, hortas e zonas verdes
Neste senso, o Alcalde fai especial fincapé na necesidade de limitar o consumo de auga en usos como o rega de xardíns, hortas e zonas verdes, así como o enchido ou renovación da auga das piscinas. “Estamos nunha situación na que todos temos que poñer da nosa parte. A auga é un recurso esencial e debemos utilizala con responsabilidade, especialmente nestes momentos. Durante as Festas Patronais teremos máis actividade e máis xente na cidade, polo que é importante que evitemos consumos innecesarios, como pode ser o rego excesivo de xardíns e hortas ou o enchido das piscinas”, sinala José Tomé.
Así mesmo, o Alcalde solicita tamén a colaboración dos establecementos, negocios e actividades que desenvolven a súa actividade na cidade.
Desde o Concello lembran que pequenos xestos de aforro por parte de cada persoa poden ter un importante efecto no consumo global, polo que se pide á cidadanía que adopte estas medidas de maneira especial durante as Festas Patronais e mentres se manteña a situación de seca.
O Concello de Monforte agradece de antemán a colaboración dos veciños e veciñas e fai un chamamento á responsabilidade colectiva para contribuír entre todos a preservar este recurso esencial.