Monforte de Lemos, 25 de novembro de 2026. O Concello de Monforte de Lemos conmemorou o 25-N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, cunha concurrida concentración e un acto simbólico na Praza do Concello en lembranza das 47 mulleres asasinadas polas súas parellas ou exparellas no que vai de ano en España, e os 3 menores vítimas da violencia vicaria.
Esta emotiva acción, que foi secundada cunha gran participación por parte da sociedade monfortina, enmárcase na campaña de sensibilización “Monforte en negro contra as violencias”, organizada polo Concello de Monforte a través da Concellería de Muller e Igualdade e do Centro de Información á Muller (CIM).
O acto deu comezo ás 12:00 horas coa lectura do manifesto a cargo da Concelleira de Muller e Igualdade, Regina López, que estivo acompañada polo Alcalde José Tomé e outros membros do Equipo de Goberno. Concretamente, pola Tenente de Alcalde, Gloria Prada; o Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada; o Concelleiro de Deportes, José Manuel Mougán, e o Concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Tomé, alumnado de Primaria e persoal docente dos centros educativos de Monforte, persoal do Concello e sociedade en xeral.
Ao remate do acto repartiuse entre os asistentes material de sensibilización serigrafiado co lema da Campaña “Monforte en Negro contra as violencias”.
O manifesto do 25-N
Na súa intervención, a Concelleira de Muller e Igualdade, Regina López, reafirmou o compromiso firme do Concello de Monforte coa erradicación da violencia machista e expresou a súa “máis rotunda condena fronte a todas as formas de violencia contra as mulleres”. O texto lembrou especialmente ás mulleres asasinadas, ás que viven baixo a ameaza, o control ou o maltrato, así como ás súas fillas e fillos, vítimas directas dunha violencia que deixa consecuencias irreparables nas súas vidas: “Hoxe, como todos os días do ano, rexeitamos calquera forma de violencia que atente contra a liberdade e a dignidade das mulleres. Pero, nesta data, 25 de novembro, queremos lembrar especialmente ás mulleres asasinadas e ás nenas e nenos vítimas da violencia vicaria, que son utilizados como instrumento para causar o maior dano posible ás súas nais”, indicou.
O manifesto incidiu en que detrás de cada vítima hai unha vida truncada, unha historia e un futuro que non puideron desenvolverse, polo que estas mortes non poden quedar reducidas a cifras ou estatísticas. Nesta liña, a performance “Cadeiras Baleiras” serviu para facer visibles esas ausencias e lembrar o terrible baleiro que a violencia machista deixa nas familias e no conxunto da sociedade.
Deste xeito, a Concelleira de Muller e Igualdade fixo especial fincapé en que a violencia contra as mulleres “non é un feito illado nin un problema privado; é unha manifestación da desigualdade estrutural entre mulleres e homes, unha vulneración dos dereitos humanos e unha das expresións máis graves da discriminación por razón de xénero”.
Así mesmo, a Concelleira trasladou a enérxica condena do Concello de Monforte “ante cada agresión, cada ameaza, cada acto de control e cada asasinato. Condenamos tamén a quen xustifica, minimiza ou nega esta violencia, porque non pode haber neutralidade ante a violencia machista, nin se pode mirar cara outro lado cando están en xogo a liberdade, a dignidade e a vida das mulleres”, enfatizou.
Performance “Cadeiras baleiras”
A continuación, desenvolveuse a performance “Cadeiras Baleiras”, unha iniciativa simbólica e de sensibilización na que participou o alumnado de 6º de Educación Primaria dos centros educativos de Monforte: CEIP Novo, CPR Torre de Lemos, CEE Infanta Elena, CEIP A Gándara, CPR Escolapios e CPR Ferroviario.
A performance estivo composta por 50 cadeiras baleiras, 47 grandes e 3 pequenas, colocadas en filas diante das escaleiras da Casa do Concello e simbolizando, cada unha delas, “unha ausencia inxusta e dolorosa”. A través de diferentes mensaxes, os nenos e nenas reivindicaron unha sociedade baseada na igualdade, no respecto e no bo trato, e amosaron o seu rexeitamento aos comportamentos machistas, aos celos, ao control e a calquera manifestación de violencia.
Nas súas intervencións tamén incidiron na importancia da educación como ferramenta fundamental para previr a violencia, lembrando que a igualdade “debe construírse cada día, nas aulas, nos fogares e tamén nas redes sociais”. Así mesmo, expresaron o seu compromiso de non permanecer como simples espectadores ante as inxustizas e de contribuír a unha sociedade na que todas as persoas poidan vivir en liberdade e sen medo.
Campaña de sensibilización
A campaña “Monforte en negro contra as violencias” inclúe a colocación de pancartas conmemorativas do 25-N no edificio do Concello e no Centro Cívico, así como a instalación dun vinilo da campaña no Bus Urbano co propósito de difundir a mensaxe de rexeitamento á violencia de xénero.
Como novidade, instaláronse tótems informativos permanentes sobre os recursos existentes fronte á violencia de xénero na Casa Consistorial, na Biblioteca Municipal e no Complexo Deportivo da Pinguela. Esta iniciativa ten por obxectivo ofrecer información visual, sinxela e directa durante todo o ano, facilitando que calquera persoa ou entidade poida coñecer os recursos de apoio dispoñibles e saber onde acudir ante unha situación de violencia machista.


Curso de Defensa Persoal Feminina
Dentro da programación conmemorativa do 25-N, mañá xoves, 26 de novembro, celebrarase no Centro Cívico unha nova edición do Curso de Defensa Persoal Feminina, unha actividade que se incorpora novamente ao programa municipal pola boa acollida que ten entre as participantes. O curso será impartido por Juan José Martínez, que empregará o “Método Mais” e unha metodoloxía específica de defensa persoal feminina para ensinar ás mulleres a utilizar o corpo e a mente ante posibles ameazas e situacións de risco.
A actividade desenvolverase en dúas quendas:
• Mañá: de 9:30 a 13:30 horas.
• Tarde: de 16:00 a 20:00 horas.
A participación é gratuíta, pero as prazas son limitadas e asignaranse por orde de inscrición no Centro de Información á Muller (CIM), teléfono 982 41 63 50.
Teatro: “A cámara escura”
Tamén este xoves, 26 de novembro, ás 20:15 horas, o Edificio Multiusos acollerá a representación da obra teatral “A cámara escura”, da compañía Vórtice Escénico. A peza, escrita por José Luis Baños de Cos e dirixida por Sara Rey Seoane, está dirixida ao público adulto e aborda a realidade das vítimas do ciberacoso.