Monforte de Lemos, 20 de outubro de 2026. O Boletín Oficial da Provincia (BOP) de Lugo publica este martes, 20 de outubro, o extracto das bases reguladoras da convocatoria de concesión de bolsas a deportistas individuais de Monforte na tempada 2025-2026. Unha vez publicado o anuncio, o prazo para presentar as solicitudes ábrese ao día seguinte, polo que as persoas interesadas poderán entregar as súas instancias no Rexistro municipal desde mañá mércores, 21 de outubro. O prazo é de 10 días hábiles polo que estará aberto ata o día 3 de novembro.
Estas axudas económicas están dirixidas a aqueles deportistas individuais do Concello de Monforte que, como mínimo, teñan participado no campionato de España, campionato de Europa ou campionato do mundo propio da modalidade deportiva durante o período obxecto da presente convocatoria. Concretamente, as persoas solicitantes poderán presentar, no marco desta convocatoria, os méritos deportivos conseguidos entre o 1 de outubro de 2025 e o 30 de setembro de 2026.
Terán a consideración de deporte de carácter individual todos aqueles deportes que, segundo a súa regulamentación, son practicados de xeito individual. Así, non se considerarán participacións individuais os relevos nin as probas coordinadas ou sincronizadas nas que actúe simultaneamente máis dun integrante do mesmo equipo.
A partida destinada a esta convocatoria é de 10.000 euros e o importe máximo da bolsa que se outorgará a cada un dos posibles beneficiarios é de 600 euros. Neste senso, o Alcalde, José Tomé Roca, pon en valor estas axudas “nunha cidade na que contamos cunha excepcional canteira de deportistas que destacan en moitas disciplinas e que sitúan a Monforte nun lugar elevado dentro da elite deportiva galega”.
Requisitos
Poden beneficiarse desta convocatoria os e as deportistas que cumpran os seguintes requisitos:
- Que estean empadroados/as no Concello de Monforte de Lemos dentro do prazo de presentación de solicitudes e, como mínimo, dende o 1 de outubro de 2025.
- Estar federados nalgunha das federacións deportivas galegas ou españolas no período para o que se solicita a axuda, é dicir, entre o 1 de outubro de 2025 e o 30 de setembro de 2026, e que como mínimo participaran no campionato de España, campionato de Europa ou campionato do mundo propio da modalidade deportiva.
- Ter participado, como mínimo, en tres probas ou campionatos de carácter oficial, dos cales un deles ten que ser o campionato de España, campionato de Europa ou campionato do mundo propio da modalidade deportiva.
- Estar ao corrente nas obrigas tributarias coa Facenda estatal e autonómica, así como estar ó corrente das obrigas coa Seguridade Social e co Concello de Monforte.
- Que non estean incursos en ningún dos supostos de incapacidade ou incompatibilidade para a percepción de axudas ou subvencións públicas e non estar incursos/as nalgunha das prohibicións para percibir subvencións recollidas na lei.
Solicitude e documentación que deben presentar
As instancias para participar no procedemento atópanse a disposición das persoas interesadas na páxina web municipal www.monfortedelemos.es e na Base de Datos Nacional de Subvencións.
As solicitudes poderán presentarse no Rexistro Xeral do Concello de Monforte ou, se é o caso, nos rexistros e oficinas a que se refire o artigo 16.4 da Lei 39/2015, de 1 de novembro, do procedemento administrativo común das Administracións Públicas, no prazo de 10 días hábiles dende a publicación da convocatoria no BOP.
A documentación que se debe presentar é a seguinte:
1. Modelo de solicitude anexo I.
2. Fotocopia do DNI da persoa solicitante. No caso de ser menor de idade DNI do pai, nai ou titor/a e libro de familia.
3. Certificado de empadroamento da persoa solicitante no caso de que non autorice a súa comprobación por parte do Concello de Monforte.
4. Certificado do número da conta bancaria a nome do/a deportista, ou do pai, nai, titor/a en caso de que o/a deportista non posúa conta bancaria.
5. Declaración doutras axudas e subvencións para a mesma finalidade, declaración de atoparse ó corrente das obrigas tributarias coa Facenda Estatal e Autonómica, coa Seguridade Social e co Concello de Monforte, e declaración de que o/a deportista non está incurso en prohibicións para obter a condición de beneficiario/a da subvención conforme ó disposto na lei 38/2003 Xeral de Subvencións. Anexo II
6. Certificación expedida pola federación correspondente, dos resultados obtidos pola persoa solicitante no período comprendido entre o 1 de outubro de 2025 e o 30 de setembro de 2026 así como da posesión de licenza federativa no período obxecto da convocatoria e, de ser o caso, da convocatoria por parte da selección galega e/ou nacional.
Valoración
Os resultados obxecto de valoración deberán cinguirse exclusivamente á modalidade deportiva para a que se solicita a axuda, na que o/a deportista teña a correspondente licenza federativa. Valorarase a participación en campionatos oficiais no período que vai entre o 1 de outubro de 2025 e o 30 de setembro de 2026, así como a convocatoria por parte da selección galega e/ou estatal nese mesmo período (á hora de facer a valoración terase en conta a convocatoria coa selección de máis nivel).
Á hora de realizar a valoración teranse en conta os tres mellores resultados conseguidos en competicións oficiais segundo a táboa de valoración establecida, así como a convocatoria no período pola selección galega ou estatal. Enténdese por competicións oficiais as consideradas como tal pola Federación Deportiva correspondente ou pola Administración deportiva dentro do seu ámbito de competencias.