O Concello informa do corte de tráfico durante dúas horas na Avenida de Galicia o martes 6 de outubro por obras de asfaltado

Monforte de Lemos, 03 de outubro de 2026. O Concello de Monforte de Lemos informa á cidadanía dos cortes de tráfico que será necesario realizar o martes 6 de outubro, con motivo das obras de asfaltado da Avenida de Galicia, no tramo comprendido entre o cruce coa rúa Cardenal e o inicio da Ponte Nova.

Segundo as previsións, os traballos desenvolveranse entre as 15:00 e as 17:00 horas, de xeito que os cortes de circulación manteranse durante o tempo estritamente necesario, procurando reducir ao mínimo posible a duración das afeccións ao tráfico.

Esta actuación forma parte da mellora da Avenida de Galicia e a rúa Chantada no tramo comprendido entre o cruce da rúa Cardenal e a rotonda do Hórreo. As obras que se veñen executando contemplan o fresado do firme existente e a súa renovación integral, así como a posterior renovación da sinalización horizontal e vertical. Este proxecto, que supón a mellora dunha das principais arterias de circulación na cidade supón unha inversión de 174.279 euros.

 

Tramo afectado e organización do tráfico

Nunha primeira fase, os traballos comprenderán o asfaltado dos dous carrís de circulación da Avenida de Galicia, desde o cruce coa rúa Cardenal ata a entrada da Ponte Nova. Durante esta fase será necesario establecer o corte total da circulación neste tramo.

Para facilitar a organización do tráfico, os puntos de corte estarán situados nos seguintes lugares:

  • Entrada da rúa Cardenal, á altura da glorieta.
  • Inicio da Avenida de Galicia, no cruce coa rúa Ourense.
  • Rúa Hortas, á altura da Ponte Vella.

 

Os accesos estarán debidamente sinalizados e valados, co obxectivo de garantir a seguridade tanto das persoas usuarias da vía como dos operarios que executan os traballos.

Co obxectivo de minimizar as afeccións á circulación, establécense os seguintes itinerarios alternativos:

  • Para os vehículos afectados polo corte na rúa Cardenal, o desvío poderá realizarse a través da rúa Roberto Baamonde.
  • Para a circulación afectada pola Avenida de Galicia, os vehículos poderán desviarse á esquerda pola rúa Doutor Casares, agás os vehículos con masa máxima autorizada superior a 5 toneladas, ou á dereita pola rúa Ourense.
  • Para a circulación afectada pola rúa Hortas, o itinerario alternativo será a través da rúa Doutor Casares.

 

Acceso a vaos e garaxes

Durante o desenvolvemento das obras, o persoal da empresa encargada dos traballos estará presente nos puntos de corte para facilitar, sempre que as condicións de seguridade o permitan, o acceso aos vehículos que se dirixan aos vaos e garaxes situados na zona afectada.

Estes accesos realizaranse de maneira puntual e controlada, sempre que os vehículos non teñan que atravesar o tramo concreto no que se estean executando nese momento os traballos de asfaltado, e evitando interferencias coa maquinaria ou coa actividade dos operarios.

 

Segunda fase dos traballos

Unha vez que os traballos alcancen a zona da Ponte Nova, procederase á apertura ao tráfico do tramo inicialmente afectado.

A partir dese momento, os traballos de asfaltado que se desenvolvan desde a Ponte Nova en dirección á rúa Chantada executaranse por fases e sobre un único carril, mantendo o carril restante habilitado para a circulación.

O tráfico será regulado de maneira alternativa, permitindo o paso nun e outro sentido segundo as necesidades dos traballos, mediante persoal encargado da regulación e a correspondente sinalización.

O Concello agradece de antemán a colaboración e comprensión da cidadanía ante as molestias puntuais que poidan ocasionar estes traballos, necesarios para mellorar o estado e a seguridade da vía.