
Monforte de Lemos, 14 de maio de 2026. O salón de actos do Centro Cívico de Monforte, no Paseo do Malecón, acollerá do 19 ao 28 de maio unha nova edición do Programa Universitario de Maiores IV Ciclo, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC). Esta iniciativa ten por obxectivo favorecer a democratización do coñecemento potenciando e difundido o coñecemento científico e artístico a toda a poboación maior de 50 anos.
Esta formación é gratuíta e requírese inscrición previa. O prazo de inscrición está aberto ata o 18 de maio nas oficinas da Biblioteca Municipal-Casa da Cultura, en horario de 9.00 a 13.30 horas e de 16.00 a 20.00 horas.
O programa leva por título “Camiños de coñecemento e experiencia. Proxecto de democratización do coñecemento” e está composto por diversos seminarios formativos, totalmente gratuítos e abertos á poboación maior de 50 anos, non sendo necesaria ningunha formación previa específica. As temáticas propostas nesta edición xiran en torno ao pan, as ferrerías e as ameazas á biodiversidade.
O Alcalde, José Tomé, anima aos veciños e veciñas a participar neste programa que, lembra, “celebramos desde o ano 2020 cun gran éxito de participación en todas as edicións”. A través deste IV Ciclo, engade, “garantimos o dereito de todos os cidadáns ao acceso á educación superior independentemente da súa idade, xénero, domicilio ou recursos, achegando o coñecemento á poboación maior do noso Concello, o que incidirá na mellora da súa calidade de vida e na súa participación social nos ámbitos rural e urbano”.
Neste senso, convida a todos os monfortinos e monfortinas de máis de 50 anos, a inscribirse nos distintos seminarios e aproveitar unha nova oportunidade de ampliar coñecementos e compartir experiencias con outras persoas dunha forma cómoda e gratuíta.
PROGRAMA
O programa de seminarios e activades prácticas desenvolverase no Centro Cívico de Monforte (Paseo do Malecón) entre o 19 e o 28 de maio de 2025 coas seguintes actividades:
1. “As antigas ferrerías e os oficios tradicionais no patrimonio histórico da Ribeira Sacra”
Esta actividade desenvolverase en dúas xornadas os días 19 e 21 de maio, a cargo do docente Mario Sixto, profesor da Facultade de Xeografía e Historia e do Programa Universitario de Maiores, IV Ciclo.
O obxectivo é explicar dunha maneira próxima como era o traballo do ferro en Galicia durante a época moderna (séculos XVI-SVIII) ata o definitivo ocaso das ferrerías a comezos da centuria pasada. Porase en relación esta explicación co contexto histórico xeral de Galicia naquel momento e os valores naturais e turísticos da comarca.
Na primeira sesión, o martes 19, de 16.30 a 18.00 horas, empregarase una metodoloxía que combina a exposición dinámica co diálogo e o emprego de materiais informáticos de apoio, así como a reprodución en imaxe ou fotocopia dalgunha fonte documental de interese.
Na segunda xornada, o xoves 21 de maio, de 16.30 a 18.00 horas, realizarase unha visita de campo á Ferrería de Penacova. Con esta actividade reforzaranse sobre o terreo algúns dos aspectos introducidos na primeira sesión.
2. “O pan ten moita miga”
Impartirase o mércores, 20 de maio, en dous bloques de formación entre as 16.30 e as 19.00 horas, centrados nos tipos de pan e no pan galego. A encargada da actividade é María Ángeles Romero Rodríguez, catedrática da USC e profesora do Programa Universitario de Maiores, IV Ciclo.
3. “Ameazas da biodiversidade”
Esta formación estrutúrase en dúas sesións os días 25 e 28 de maio, de 16.30 a 18.00 horas, a cargo de Teresa Rodríguez López, docente da USC e profesora do Programa Universitario de Maiores, IV Ciclo. Os contidos estarán dirixidos a explicar o impacto que teñen determinadas actuacións humanas sobre a biodiversidade (os chamados xinetes da Apocalipse) e tentar concienciar de que o noso medio natural é un préstamo dos nosos fillos e non unha herdanza dos nosos pais, polo que temos que facer todo o posible por non estragalo.
Antecedentes do Programa IV Ciclo
As institucións públicas galegas, como establece a Constitución e o Estatuto de Autonomía de Galicia, teñen a obriga de por os medios para espallar o coñecemento e o saber a toda a sociedade, tanto o coñecemento universal como o local, mais relacionado neste caso coa memoria histórica e social das comarcas e concellos. Neste senso, entidades como a Universidade de Santiago de Compostela e os propios concellos, xogan un papel fundamental, que é o caso destas accións formativas ofertadas.
Así, froito desta necesidade e inquietude que persegue a democratización do coñecemento, o Concello de Monforte renovou o seu acordo coa USC para desenvolver na cidade o programa universitario para maiores de máis de 50 anos “Camiños de coñecemento e experiencia. Proxecto de democratización do coñecemento”.
O programa achega esta formación específica a zonas e sectores da poboación que, por diferentes motivos (xeográficos, económicos …), non poden asistir ó devandito programa de formación para maiores nas instalacións universitarias en cada unha das sedes oficiais da USC. A colaboración co Concello de Monforte, que pon a disposición de docentes e participantes as instalacións do Centro Cívico, posibilita o desenvolvemento deste programa.
Obxectivos
O obxectivo principal deste programa é favorecer a democratización do coñecemento, potenciando e difundido o coñecemento científico e artístico a toda a poboación maior de 50 anos nos concellos que se suman a este proxecto. Para elo, desenvólvense accións específicas que se concretan en varios obxectivos específicos:
- Revalorizar e profundar no valor do noso patrimonio.
- Concienciar, ensinar e aprender da presenza da ciencia no día a día das nosas vidas.
- Recoñecer o valor das disciplinas artísticas nas nosas emocións e vivencias.
- Adaptar e coñecer as competencias sociosanitarias dos principios de envellecemento activo.
- Acadar unha mellora da calidade de vida, do benestar e da participación a través do exercicio intelectual que require este tipo de formación.
Metodoloxía
A metodoloxía é de corte participativa e aberta, na que os docentes universitarios desenvolveran varias sesións de docencia: teóricas unhas (de conferencia/seminario onde se pretende favorecer o dialogo e participación dos asistentes) e outras prácticas (con actividades de visita guiada, obradoiro,…) sendo unhas de corte máis humanístico, outras máis científicas e outras artísticas.