O Concello informa da realización de traballos de mellora e renovación en varios parques infantís de Monforte

Monforte de Lemos, 3 de novembro de 2026. O Concello de Monforte informa dunha nova actuación destinada á mellora, conservación e renovación de varias áreas de xogo infantil do municipio, co obxectivo de garantir que estas instalacións se atopen nas mellores condicións de uso e seguridade para os nenos e nenas.

Os traballos comezarán mañá mércores, 4 de novembro, no parque de Irmáns Dapena, onde se levará a cabo a renovación integral do céspede artificial existente na zona de xogos. Unha vez rematada esta primeira intervención, as actuacións continuarán nos próximos días nos parques de A Compañía, A Pinguela e barrio do Hospital.

Nestes tres espazos realizaranse traballos de reparación e mellora do pavimento amortecedor de caucho, co fin de recuperar as zonas que presentan algún deterioro e mellorar as condicións de seguridade e comodidade das instalacións.

Estas actuacións forman parte dos traballos destinados á mantemento, mellora e posta a punto dos parques infantís, priorizando a seguridade e correcto estado das instalacións.

O Alcalde, José Tomé, destaca a importancia de manter en bo estado os espazos públicos destinados ao lecer infantil e sinala que “desde o Concello queremos mellorar os servizos e as instalacións que utilizan diariamente os veciños e veciñas de Monforte”.

Neste  caso, engade, “os parques infantís son espazos fundamentais para o xogo, a convivencia e o desenvolvemento dos máis pequenos, polo que é importante realizar actuacións periódicas de mantemento e renovación”.

Nos últimos anos leváronse a cabo importantes inversións en instalacións de xogo para os máis pequenos, como a construción do novo parque do Hospital, no que se investiron 600.000 euros, ou a ampliación do parque infantil da Compañía, cunha inversión de case 170.000 €, á que se suma a reforma completa do xardín situado detrás dos quioscos, onde se atopan os biosaúdables ou o carril bici, por 223.832,94 euros.

 

Restricións temporais de acceso

Durante a execución dos traballos será necesario restrinxir temporalmente o acceso ás áreas infantís nas que se estea intervindo, tanto para facilitar o desenvolvemento das obras como para garantir a correcta instalación e consolidación dos novos pavimentos antes da súa posta en servizo.

O Concello solicita a colaboración e comprensión dos usuarios e usuarias ante estas restricións puntuais e lembra que os parques reabriranse progresivamente a medida que rematen as actuacións e as instalacións estean en condicións adecuadas para o seu uso.