Monforte de Lemos, 26 de maio de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa de que o vindeiro luns, 1 de xuño, o Concello procederá a realizar a recollida de plásticos agrícolas nas parroquias do municipio. A data elixida para esta actuación coincide coa época na que os gandeiros e labregos necesitan desfacerse dun gran volume de plásticos, procedentes principalmente do ensilado de herba.
A recollida de plásticos agrícolas levarase a cabo dende primeira hora da mañá do luns e ao longo de toda a xornada, nos seguintes lugares:
- Marcelle (campo da festa)
- Gullade, Nocedas e Penela (saída das Nocedas a Gullade, antigo parque infantil)
- Vilamarín (campo da festa)
- Santa Mariña e Caneda (Campo da Pousa)
- Bascós, Chavaga e Sindrán (Local Social de Bascós)
- Reigada e Fontes (Praza Mourelo)
- Piñeira (Listo)
- A Parte e Valverde (Barrete Proveiros)
- Chao do Fabeiro (Campo da festa)
- Moreda, San Xoán, San Xulián e Seoane (Local social de San Xoán)
- Fiolleda (Carretera a Currelos)
- Baamorto (Campo de Fútbol)
O plástico agrícola deberá depositarse nos lugares citados durante os días previos á recollida, concretamente o sábado día 30 e o domingo 31 de maio. Para facilitar o seu manexo e evitar a súa dispersión, o material deberá deixarse dobrado e atado nos puntos sinalizados e habilitados para tal fin. A recollida realizarase en todas as parroquias que xeran plásticos e, dende alí, trasladaranse ata o punto de reciclaxe. Desde o Concello recórdase que non se deberán depositar outros tipos de plásticos que non sexan agrícolas.
Sen custe para os gandeiros e agricultores
O Alcalde destaca que este servizo de recollida de plásticos agrícolas “non ten ningún custe para os agricultores e os gandeiros, xa que será asumido exclusivamente polo Concello de Monforte”. Ademais, engade, “esta medida contribúe de xeito importante á conservación do medio ambiente”.
Os pedáneos das diferentes parroquias xa foron informados por carta oficial, emitida polo propio Alcalde, desta recollida de plásticos agrícolas así como dos lugares e a data na que se vai realizar, resultando fundamental a súa colaboración, tal e como sucedera nas anteriores recollidas, para acadar unha óptima efectividade.
Anímase polo tanto aos veciños a participar e achegar os plásticos agrícolas aos lugares indicados que lle queden máis próximos. Neste senso, cabe resaltar que as anteriores recollidas de plásticos agrícolas nas parroquias de Monforte tiveron unha gran resposta por parte de agricultores e gandeiros.
Por outra parte, lémbrase que estes residuos agrícolas poden eliminarse tamén a través do Punto Limpo en calquera data do ano.
“Dende o Concello, queremos agradecer o interese dos labregos e gandeiros por eliminar correctamente este tipo de residuos e, deste xeito, contribuír ao coidado e mellora da nosa contorna ambiental. Así mesmo, agradecemos o traballo realizado polos pedáneos para difundir entre os seus veciños a existencia deste servizo”, apunta o Alcalde, José Tomé.