Monforte de Lemos, 21 de febreiro de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de negociar coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) unha modificación do convenio de colaboración asinado en 2023 para a construción dunha nova Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) no Polígono Industrial do Reboredo, incrementando a inversión total en preto de 1M€ para renovar todo o saneamento do polígono.
Esta modificación do acordo conta con todos os informes favorables e suporá “unha mellora substancial no saneamento e depuración da principal área empresarial da nosa cidade”, explica o rexedor, polo que será sometida á aprobación por parte do Pleno da Corporación na sesión ordinaria que se celebrará este luns, 23 de febreiro.
O Alcalde recorda que a construción da nova depuradora, actualmente en fase de execución, “é froito do empeño do meu Equipo de Goberno por mellorar a calidade da depuración do polígono e adaptala á ampliación que impulsamos, co obxectivo de que esta área industrial poida seguir medrando”.
O convenio recolle a colaboración de ambas institucións para o financiamento das actuacións de mellora do saneamento e depuración no Polígono por un importe de 4.708.154,36€, dos que 4.001.931,21€ corresponden á CHMS, que asume o 86,65% da inversión, e 706.223,15€ ao Concello de Monforte, que se fai cargo do 13,55% restante.
Con esta modificación do convenio, a renovación de todo o saneamento do Polígono Industrial do Reboredo suma 930.000€, polo que a inversión total ascende a 5.638.154,36€ , dos que 4.885.431,21€ corresponden á CHMS, e 752.723,15€ ao Concello de Monforte.

Necesidade dunha obra complementaria
A addenda de modificación e prórroga do convenio proposta para a súa aprobación no pleno do luns ven motivada pola necesidade de executar unha obra complementaria á prevista no proxecto. Esta novidade consiste na construción e mellora da rede separativa de augas pluviais e augas residuais no conxunto do polígono empresarial do Reboredo, así como a súa desconexión da EDAR.
Ditos traballos supoñen o citado incremento de preto de 1M€ no importe das actuacións, concretamente 930.000€, así como unha ampliación de 1 ano nas anualidades previstas no convenio, estendéndose o prazo de execución ata 2027.
O Alcalde, José Tomé, recalca a “importancia desta inversión, que suporá unha mellora aínda máis significativa no saneamento e depuración do Polígono do Reboredo, xa que o sistema separativo de pluviais e residuais é fundamental para optimizar o tratamento das augas e previr a contaminación”. As obras, indica, “consistirán na instalación de redes independentes para pluviais e residuais mediante dúas tubaxes paralelas en cada rúa do Polígono, producindo unha maior eficiencia da depuradora”.
O rexedor insiste na necesidade de contar cunha depuradora destas características no Polígono Industrial do Reboredo, xa que vai dar servizo a unha área industrial que, “coas ampliacións que temos en marcha, contará con 800.000 m2”. Neste senso, incide en que “a antiga depuradora era insuficiente, e non tiña a capacidade de depuración que hoxe se require”.
A posta en marcha da nova EDAR, subliña, “vai supoñer un antes e un despois no nesta zona industrial de Monforte e, polo tanto, no crecemento da actividade económica e do emprego”.
Cofinanciamento e anualidades
A addenda de modificación do convenio de colaboración coa CHMS modifica os importes e anualidades previstas, que quedan do seguinte xeito:
| ADMINISTRACIÓN |
2023 |
2024 |
2025 |
2026 |
2027 |
TOTAL |
|
CHMS, O.A. |
73.985,15 |
106.250,00 |
2.051.576,05 |
2.470.120,01 |
183.500,00 € |
4.885.431,21 |
|
CONCELLOO DE MONFORTE DE LEMOS |
13.056,20 |
18.750,00 |
362.042,83 |
312.374,12 |
46.500,00 € |
752.723,15 |
|
TOTAL |
87.041,35 |
125.000,00 |
2.413.618,88 |
2.782.494,13 |
230.000,00 |
5.638.154,36 |
Á cantidade aportada polo Concello hai que sumarlle o importe do terreo no que se sitúa a nova EDAR, un solar de 5.000 m2, adquirido por 117.975,00€ (19,50 €/m2 + IVE) á entidade Suelo Empresarial del Atlántico.
Características da nova depuradora
A nova depuradora, explica o Alcalde, “terá capacidade para depurar o actual polígono completo e tamén ás ampliacións que temos en marcha, incluso se duplicáramos o que hai neste momento”. Por un lado, a nova infraestrutura poderá funcionar por módulos para que a calidade da depuración sexa a establecida nos parámetros que marca a normativa. Así mesmo, vai ter posibilidade de ampliación, xa que estará dispoñible a parcela colindante, na que está emprazada a actual depuradora.
“Esta actuación contribúe tamén á mellora medioambiental, xa que as augas depuradas vanse entubar dende a saída da depuradora do polígono ata a depuradora de Piñeira, sen ningún vertido, o que significa que o regato do Carballo volverá a ter vida, recuperando o seu estado orixinal”, salientou José Tomé.
Prevese que trate 1.000 metros cúbicos diarios de residuos e, ademais, está preparada para tratar residuos específicos, como poden ser os lácteos. Executarase tamén unha condución de desaugadoiro (emisario) desde a nova EDAR ao Río Cabe, de máis de 1,5 km de lonxitude.
A nova infraestrutura deseñouse con dúas liñas construídas, coa posibilidade de ampliación mediante outra liña de tratamento, podendo dispoñer dun terceiro reactor biolóxico máis un terceiro decantador secundario. O pretratamento e liña de lodos xa quedan deseñados para acoller o caudal previsto coa ampliación.