Monforte de Lemos, 9 de novembro de 2026. O Concello de Monforte de Lemos informa de que, con motivo da folga xeral convocada para o vindeiro mércores, 11 de novembro, todos os servizos municipais funcionarán de acordo cos servizos mínimos establecidos.
Deste xeito, o Concello permanecerá aberto ao público e manterá operativos todos os seus servizos, incluído o de Rexistro, garantindo así a atención á cidadanía e a realización dos trámites administrativos habituais.
Así mesmo, os servizos de recollida de residuos urbanos e limpeza viaria funcionarán ao 100 %, polo que se manterá a prestación habitual destas tarefas para garantir a limpeza e o mantemento da cidade. Tamén quedará garantida a prestación do servizo municipal de abastecemento de auga e saneamento, co obxectivo de asegurar a atención ás necesidades básicas da veciñanza.
No que respecta ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF), garantirase a prestación da atención ás persoas usuarias, mantendo os servizos necesarios para asegurar o seu benestar, coidados e atención persoal, especialmente no caso das persoas que se atopan nunha situación de maior dependencia ou vulnerabilidade.

Dispositivo especial de tráfico con motivo da manifestación
Así mesmo, o Concello establecerá un dispositivo especial de tráfico con motivo da manifestación convocada no marco da folga xeral, e que se desenvolverá a partir das 12:00 horas.
A mobilización partirá da Praza de España e continuará pola rúa Cardeal, tanto polo tramo peonil como polo tramo aberto ao tráfico, para rematar na Praza Ponte Fontecha, fronte á estatua do poeta Manuel María.
Co obxectivo de garantir a seguridade das persoas participantes e o correcto desenvolvemento da manifestación, desde o inicio do percorrido e ata o remate procederase ao corte do tráfico rodado na zona afectada, coas seguintes medidas:
-O tráfico de saída da rúa Hortas desviarase en dirección ás rúas Chantada e Ourense. Ademais, restrinxirase a entrada cara ao centro da cidade desde o cruzamento das rúas Ourense e Chantada.
-A circulación de entrada desde a rúa Escultor Francisco Moure cara ao centro da cidade desviarase á altura do enlace coa rúa Sarria por esta vía e pola avenida de Galicia, con saída á rúa Roberto Baamonde. Os vehículos que teñan como destino as zonas do Reboredo, Duquesa de Alba ou Carude, poderán continuar por Escultor Francisco Moure ata o enlace coa rúa Compañía no tramo que continúa cara ao Paseo de Lugo.
-O tráfico de baixada pola rúa Roberto Baamonde desviarase pola avenida de Galicia, en dirección ás rúas Sarria e Escultor Francisco Moure. O de baixada pola rúa Conde quedará cortado na avenida de Galicia, á altura do edificio dos Xulgados.
O Concello solicita a colaboración da cidadanía e recomenda evitar, na medida do posible, os desprazamentos en vehículo pola zona centro durante o horario da manifestación, así como atender en todo momento as indicacións dos axentes da Policía Local.