Monforte de Lemos, 4 de agosto de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa da realización de traballos de limpeza da Ponte Medieval, durante a mañá deste martes, 4 de agosto. Tal e como se ven facendo nestes últimos anos, a actuación consiste na retirada da vexetación que se foi acumulando nos últimos meses, co obxectivo de resaltar a beleza do monumento.
Esta actuación require o peche do tráfico pola Ponte Medieval tanto de vehículos como de peóns desde as 8.00 horas da mañá e ata que rematen os traballos. A Brigada Municipal de Parques e Xardíns do Concello é a encargada de acometer estes traballos, centrados no corte da maleza e limpeza das herbas.
O Alcalde, José Tomé, destaca que “a limpeza e o axeitado mantemento deste Ben de Interese Cultural é unha das actuacións que este goberno municipal contemplou dende que iniciamos o noso mandato no ano 2015. A Ponte Medieval é un monumento que forma parte da imaxe da nosa cidade e por iso debemos mantela nas mellores condicións, co obxectivo de que no futuro sexa peonil para o desfrute dos monfortinos e turistas que nos visitan”.
Ordenación do tráfico durante os traballos
Polo tipo de actuacións a realizar, precísase o peche da Ponte tanto para o paso de vehículos como de peóns. No que se refire aos peóns, córtase exclusivamente o paso pola propia ponte, debendo utilizar como itinerarios alternativos tanto a pasarela de madeira como a Ponte Nova.
Para os vehículos, os que circulen procedentes do Campo de San Antonio teñen que desviarse no inicio da rúa Méndez Casal e circular por Abeledos e Ronda María Emilia Casas Baamonde. No caso da circulación por Santa Clara en dirección ao centro da cidade, o desvío é pola rúa Corredoira. Así mesmo, os que veñan de rúa Corredoira cara Santa Clara, deben continuar por Santa Clara en dirección á Ronda María Emilia Casas Baamonde.