Monforte de Lemos, 9 de outubro de 2026. O Concello de Monforte de Lemos organiza o vindeiro xoves 15 de outubro dous obradoiros de costura creativa e upcycling téxtil para achegar á veciñanza ferramentas prácticas co fin de alongar a vida útil do noso armario e transformar a nosa relación coa moda a través do deseño circular.
A proposta parte dunha idea sinxela: a peza máis sustentable é a que xa temos. Fronte a unha industria da moda que figura entre as máis contaminantes e a uns millóns de toneladas de téxtiles que se desbotan cada ano aínda con vida útil, os obradoiros apostan pola economía circular: reparar, transformar e re-imaxinar.
As actividades desenvolveranse o vindeiro 15 de outubro en horario de maña na Praza de Abastos de Monforte.
Dúas sesións para adultos: iniciación á costura
Estes cursos terán unha duración aproximada de 2,5 horas cada un, pensados para quen quere perder o medo á agulla e gañar autonomía co costureiro:
- Xoves 15 de outubro, de 9:00h a 11:30h – “Primeiros pasos na costura”. Coñecemento das ferramentas básicas, como enfiar a agulla, facer nós de remate e practicar as puntadas fundamentais (hilván, punto atrás e sobrefiado). Cada participante elaborará un mostrario de puntadas físico que servirá de guía de consulta.
- Xoves 15 de outubro, de 12:00h a 14:30h – “Aprende a reparar”. Como coser distintos tipos de botóns, colocar corchetes e realizar reparacións e reforzos de costuras, para evitar que unha peza remate no lixo por un pequeno estrago que se pode amañar facilmente.
Con esta programación o Concello busca achegar a formación á cidadanía e fomentar hábitos de consumo responsable e reutilización. Estas actuacións van dirixidas a incrementar a coeficiencia na xestión dos residuos de competencia municipal, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027.
Cero residuos téxtiles, máxima creatividade
Estes obradoiros seguen o ciclo de vida do armario: avaliar o estado da roupa, intervir para coser e reparar, re-imaxinar mediante a personalización e, cando a peza orixinal xa non serve, dar lugar a unha completa “reencarnación” do tecido. Como resume o lema da entidade, “a moda máis sustentable non é a que se merca, senón a que se transforma”.
Participación e prazo
Para participar é preciso inscribirse previamente e os interesados poderán facelo, cubrindo a instancia que se atopa a disposición de todo o mundo a través do código QR que aparece no cartel dos cursos e que está a disposición de todos e todas na páxina web do Concello, ou de forma presencial, no Concello de Monforte.
O prazo para inscribirse permanecerá aberto ata o 14 de outubro ás 14:00 horas, establecéndose un límite de participantes de 20 persoas/curso que serán seleccionadas por orde de inscrición.
Os alumnos seleccionados, serán avisados por teléfono o día 14 pola tarde, para confirmar a súa participación nos respectivos cursos.