Monforte de Lemos, 29 de maio de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa que o vindeiro luns, 1 de xuño, procederase a realizar os traballos de limpeza de vexetación da Ponte Medieval, tal e como se ven facendo nestes últimos anos. Esta actuación requerirá pechar o tráfico pola Ponte tanto de vehículos como de peóns desde as 8.00 horas da mañá e ata que rematen os traballos.
A Brigada Municipal de Parques e Xardíns do Concello será a encargada de acometer esta limpeza, que consistirá na retirada da vexetación que se foi acumulando nestes últimos meses na Ponte Medieval. En concreto, procederase ao corte da maleza e limpeza das herbas, co obxectivo de resaltar a beleza do monumento.
O Alcalde, José Tomé, destaca que “a limpeza e o axeitado mantemento deste Ben de Interese Cultural é unha das actuacións que este goberno municipal contemplou dende que iniciamos o noso mandato no ano 2015. A Ponte Medieval é un monumento que forma parte da imaxe da nosa cidade e por iso debemos mantela nas mellores condicións, co obxectivo de que no futuro sexa peonil para o desfrute dos monfortinos e turistas que nos visitan”.
Ordenación do tráfico durante os traballos
Polo tipo de actuacións a realizar, precísase o peche da Ponte tanto para o paso de vehículos como de peóns. No que se refire aos peóns, cortarase exclusivamente o paso pola propia ponte, debendo utilizar como itinerarios alternativos tanto a pasarela de madeira como a Ponte Nova.
Para os vehículos, os que circulen procedentes do Campo de San Antonio desviaranse no inicio da rúa Méndez Casal e circularán por Abeledos e Ronda María Emilia Casas Baamonde. No caso da circulación por Santa Clara en dirección ao centro da cidade, desviaranse pola rúa Corredoira. Así mesmo, os que veñan de rúa Corredoira cara Santa Clara, terán que desviarse por Santa Clara en dirección á Ronda María Emilia Casas Baamonde.