O Concello realizará obras na rúa Santo Domingo a vindeira semana para fixar dez lousas de pedra de granito da calzada que están soltas

Monforte de Lemos, 6 de marzo de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa das obras de reparación da calzada da rúa Santo Domingo que se levarán a cabo na vindeira semana. Os traballos afectan ao tramo comprendido entre a esquina do bar Km 0 e a Porta da Alcazaba e consistirán na fixación de 10 lousas de pedra de granito que están soltas e móvense.

Os traballos comezarán o luns, 9 de marzo, e está previsto que teñan unha duración de tres días, ata o mércores 11. Realizaranse en horario de 10.00 a 13.00 horas, polo que será preciso pechar o tráfico de vehículos nese treito durante a intervención dos operarios.

O Alcalde explica que estas obras de reparación desenvolveranse no citado horario para causar o menor trastorno posible ao alumnado e familias que acceden ao Colexio Fundación Educativa Torre De Lemos, situado a carón da Igrexa de Santa María da Regoa.

No horario fixado para as obras, o tráfico de subida cara a San Vicente terá que facerse pola rúa Real. Así mesmo, manterase aberta a circulación de baixada desde o Campo da Virxe ata a Porta da Alcazaba para os usuarios que teñan como destino as rúas Falagueira, Zapateiras, Pescadeiras ou Cárcere Vella, que poderán acceder a través da Porta.

O tráfico alternativo estará debidamente sinalizado.