Monforte de Lemos, 7 de outubro de 2026. O Concello de Monforte de Lemos convoca o Concurso de Debuxo Infantil “Os Bolechas reciclan en Monforte”, unha iniciativa dirixida ao alumnado de 2º de Educación Primaria dos centros educativos da cidade e que ten como finalidade fomentar entre a infancia hábitos responsables relacionados coa reciclaxe, a compostaxe e o coidado do medio ambiente.
O concurso dá continuidade ao traballo desenvolvido no curso pasado a través da campaña municipal “Os Bolechas e os Composteiros de Monforte”, empregando estas personaxes como referencia para achegar ás nenas e nenos a importancia da correcta xestión dos residuos.
Os Bolechas como personaxes de referencia
A temática do concurso será precisamente “Os Bolechas reciclan en Monforte”, de xeito que os debuxos deberán representar situacións cotiás relacionadas coa correcta separación dos residuos, o uso dos colectores, a compostaxe, a reutilización de materiais e o coidado do entorno, tendo como referencia as personaxes da campaña municipal de xestión de residuos e compostaxe, tendo como referencia as personaxes da campaña municipal de xestión de residuos e compostaxe dos Bolechas.
Cada participante poderá presentar un único debuxo, en formato DIN A4, utilizando técnica libre: lapis de cores, ceras, rotuladores, acuarelas, collage con materiais reciclados ou calquera outra técnica artística. Os traballos deberán ser orixinais e inéditos.
Participación e prazo
Poderán participar as nenas e nenos de 2º de Primaria matriculados no curso 2026-2027 nos centros educativos de Educación Primaria de Monforte de Lemos.
No reverso dos debuxos deberán figurar o nome e apelidos do participante, a súa idade e o centro educativo. Os traballos entregaranse na Casa do Concello, a través dos centros educativos colaboradores.
O prazo de presentación permanecerá aberto ata o 20 de novembro.
Tres premios con material artístico e educativo
O concurso contará con tres premios, consistentes en lotes de material artístico e educativo e diplomas acreditativos. A entrega dos premios realizarase nun acto público promovido polo Concello de Monforte de Lemos.
Os debuxos participantes poderán, ademais, ser expostos en espazos municipais e difundidos a través dos medios do Concello, no marco da campaña “Os Bolechas e os composteiros de Monforte”, indicando sempre a autoría dos participantes.
Con esta iniciativa, o Concello pretende combinar creatividade e educación ambiental, achegando á infancia conceptos relacionados coa reciclaxe e a compostaxe dun xeito próximo e participativo e favorecendo a adquisición de hábitos responsables no día a día.