O Alcalde destaca que o Consello de Contas sitúa a Monforte entre os concellos galegos con maior nivel de control interno

Monforte de Lemos, 29 de agosto de 2026. O Alcalde, José Tomé Roca, quere poñer en valor o rigor na xestión económica do Concello de Monforte, logo da publicación do informe do Consello de Contas de Galicia que fiscaliza o cumprimento das obrigas de transparencia na xestión e rendición de contas das entidades locais de Galicia, principalmente no que se refire a remisión de información en materia de contratación, convenios e control interno.

O último informe deste órgano fiscalizador refírese aos exercicios 2021, 2022 e 2023 e sitúa ao Concello de Monforte no nivel ALTO de madurez do seu sistema de control interno, a máxima categoría establecida nesta avaliación. Trátase dun resultado especialmente relevante tendo en conta que só 26 dos 259 concellos avaliados acadaron este nivel.

O Alcalde destaca este dato como un recoñecemento ao rigor co que o Concello xestiona os recursos públicos e aos mecanismos de control interno: “Estamos ante un dato moi importante porque non é o Concello quen se cualifica a si mesmo, senón que falamos do Consello de Contas de Galicia, que é a institución encargada de fiscalizar a xestión económico-financeira das entidades locais galegas, ás que corresponde remitir periodicamente a información necesaria para a súa fiscalización e rendición de contas”.

Ademais, engade, “estamos falando dun órgano fiscalizador cuxa composición responde á representación dos diferentes grupos parlamentarios (1 PSOE, 1 BNG, 3 PP). Polo tanto, non se pode presentar este resultado como un informe feito para favorecer ao Alcalde de Monforte. É unha avaliación independente e baseada nunha metodoloxía común para o conxunto das entidades locais”, explica Tomé.

O Alcalde considera que a valoración obtida ten unha especial relevancia porque a xestión municipal non se limita ás obras, aos servizos públicos, ás actividades culturais ou ás políticas sociais, “senón tamén a xestión dos recursos públicos, as decisións económicas que tomamos e a garantía de que todos os procedementos que levamos a cabo fanse con rigor, conforme á normativa vixente en todo momento”. E precisamente nese ámbito, subliña o Alcalde, “o Consello de Contas sitúa a Monforte no nivel ALTO”.

 

No grupo dos “líderes en boa xestión e en transparencia”

O informe, publicado polo Consello de Contas o pasado 31 de xullo, avalía o funcionamento dos sistemas de control interno das entidades locais galegas durante o período 2021-2023. A máxima categoría foi acadada por unha porcentaxe reducida dos Concellos avaliados: 26 de 259, o que sitúa a Monforte dentro dun grupo reducido de entidades locais con mellores resultados nesta materia, “no grupo dos líderes en boa xestión e en transparencia”, apunta o rexedor.

Para o Alcalde, este resultado debe poñerse en relación coa xestión económica desenvolvida polo Concello nos últimos anos. “Este dato fala por si só do traballo realizado polo Equipo de Goberno desde que cheguei á Alcaldía en 2015. Todos os anos pechamos as contas con remanentes positivos e levamos 11 anos sen subir os impostos municipais. Pero, por riba de todo, este informe acredita que detrás da actividade diaria do Concello existe un sistema de control interno que funciona e que acadou un nivel de madurez que o propio órgano fiscalizador considera ALTO”, afirma Tomé.

 

Motivo de satisfacción e de responsabilidade

José Tomé destacou tamén que o resultado debe ser entendido como un “motivo de satisfacción, pero tamén de responsabilidade, para continuar con este tipo de xestión de cara ó futuro”.

Unha boa valoración, sinala, “non pode levarnos a pensar que xa está todo feito. Cando un órgano independente acredita que o sistema funciona ben, o que temos que facer é seguir traballando para mantelo. Estamos falando de recursos públicos e os cidadáns teñen dereito a que sexan xestionados con rigor, control e transparencia”, sinalou.

Neste sentido, o Alcalde considera que o informe debe ser coñecido pola sociedade monfortina porque ofrece unha valoración externa sobre un aspecto esencial do funcionamento da Administración local.

“Hoxe podemos dicir, con satisfacción e tamén con humildade, que Monforte de Lemos está entre os 26 concellos de Galicia que acadaron a máxima categoría na avaliación da madurez do control interno realizada polo Consello de Contas. É un resultado que acredita o traballo feito e que nos anima a seguir facendo as cousas ben”, afirmou.

“Aqueles que nos acusan de escurantismo e falta de transparencia cando aprobamos os orzamentos deberían coñecer mellor como funciona un orzamento municipal e, sobre todo, deberían preguntarlle ao Consello de Contas de Galicia. Porque son os seus informes, e non as opinións políticas, os que acreditan como funciona o sistema de control interno do Concello”, conclúe.

O Alcalde reiterou que, para o Goberno municipal, o informe do Consello de Contas supón un recoñecemento ao traballo realizado e, ao mesmo tempo, un compromiso para continuar avanzando nunha xestión rigorosa, responsable.