O Alcalde informa do dispositivo especial de tráfico este mércores, 6 de maio, con motivo da saída da 4ª Etapa de La Vuelta Femenina desde Monforte

Monforte de Lemos, 4 de maio de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de informar sobre o dispositivo de tráfico que se desenvolverá na cidade do Cabe con motivo da saída desde Monforte da 4ª Etapa de La Vuelta Femenina 2026 o vindeiro mércores 6 de maio.

Por este motivo, o Equipo de Goberno e a Policía Local, en coordinación cos responsables de La Vuelta, “levamos un tempo traballando no deseño dun dispositivo de tráfico que permita o axeitado transcurso do inicio desta proba, que sairá desde a Compañía en torno ás 14.15 horas e percorrerá o centro urbano ata saír da cidade polo Morín”,  sinala o Alcalde.

Concretamente, a 4ª Etapa, Monforte de Lemos-Antas de Ulla, partirá desde a Praza da Compañía en torno ás 14.15 horas, e percorrerá o Cardenal, Avenida de Galicia, rúa Chantada ata a rotonda do Hórreo, Ronda María Emilia Casas Baamonde, rúa Doctor Casares e Morín completa, saíndo da cidade pola LU-546 en dirección Bóveda e Sarria.

Trátase dunha etapa esixente de 115 quilómetros que, tras deixar Monforte, pasará por localidades como Sarria, Láncara, O Páramo, Portomarín, Ventas de Narón, Taboada e Monterroso, para finalizar no Parque Central de Galicia, en Antas de Ulla.

 

Rúas e espazos afectados

ESTACIONAMENTO DO PARQUE DOS CONDES (SAÍDA DA ETAPA)

•   Permanecerá pechado ao tráfico desde as 23.00 horas deste luns, 4 de maio, ata a completar a saída da carreira e retirada das instalacións e montaxes empregados na proba, o que se prevé para as 18.00 horas do mércores 6 de maio.

 

RÚAS DA ZONA DE SAÍDA, DÍA 6

•   Desde as 10.30 horas do mércores 6 ata a finalización da saída, sobre as 14.15 horas, estará pechado o tráfico na rúa Compañía, no tramo desde a Praza Ponte Fontecha ata o enlace coa rúa Escultor Francisco Moure.

Durante este corte, os vehículos que circulen por Escultor Francisco Moure en dirección ao centro cidade desviaranse polas rúas Sarria e Avenida de Galicia.

 

•   Desde as 12.00 horar, e ata a finalización da saída, sobre as 14.15 horas, estarán pechadas ao tráfico as rúas Cardenal, Roberto Baamonde e Conde no tramo desde o enlace con Avenida de Galicia ata Praza de Ponte Fontecha.

Durante este corte, permitirase o tráfico no tramo da Avenida de Galicia actualmente excluído da circulación para permitir o tránsito de vehículos que, baixando por Roberto Baamonde, teñan como destino a rúa Chantada e viceversa.

 

RÚAS AFECTADAS POLO PERCORRIDO DA CARREIRA

•   Desde as 13.30 horas ata a finalización da saída, sobre as 14.20 horas, ademais das rúas indicadas no punto anterior, pecharanse ao tráfico as seguintes vías:

-Avenida de Galicia, tramo desde o cruce con rúa Ourense ata cruce con Roberto Baamonde

-Chantada, completa

-Ronda María Emilia Casas Baamonde, completa

-Doctor Casares, tramo desde enlace con rúa Zapardiel ata o final

-Morín, completa.

-A saída de vehículos a estas rúas desde as laterais que teñan enlace coas mesmas:

  • Rúa Hortas
  • Rúa Ourense
  • Rúa Tecelanes
  • Rúa Saviñao
  • Rúa Roberto Martínez Andrade
  • Estacionamentos de Supermercados Gadis Híper e LIDL
  • Rúa Taboada
  • Rúa Lemavos
  • Rúa Poeta Manuel María
  • Prolongación Ronda Urbana
  • Estrada de Chantada
  • Rúa Abeledos e Avenida Luis Moure Mariño
  • Rúa Corredoria
  • Camiño das Codesas
  • Rúa Manuel Antonio e Camiño A Veiga
  • Rúa Santa Clara e rúa da Barxa
  • Rúa San Pedro e rúa Doctor Casares (tramo desde enlace con Rúa Zapardiel)
  • Rúa Pontevedra
  • Rúa Caneiro e Estación de Servizo de rúa Coruña
  • Rúa Concepción Arenal
  • Rúa Ponte da Virxe
  • Rúa Vilanova
  • Rúa Doctor López Suárez
  • Rúa Retorcida
  • Rúa Condesa Pardo Bazán
  • Rúa Ramón Cabanillas e rúa Juan Ramón Jiménez
  • Rúa do Mato
  • Travesía do Sil.

 

Todos os horarios e vías a cortar son sempre os previstos, pero quedan suxeitos a sufrir modificacións o propio día da carreira en función do desenvolvemento do evento e posibles incidencias que podan producirse.

 

O Alcalde agradece anima aos monfortinos e monfortinas a saír este mércores ás rúas da cidade para animar as corredoras na saída desta 4ª Etapa de La Vuelta: “Temos a oportunidade única de desfrutar do ciclismo desde primeira liña e ver o inicio de etapa dunha proba ciclista de alto rendemento que reúne ás mellores ciclistas do panorama nacional e internacional”, apunta.