O Edificio Multiusos acolle o xoves a obra de teatro “A cámara escura”, dentro da programación do 25-N

Monforte de Lemos, 23 de novembro de 2026.  O Edificio Multiusos de Monforte acolle este xoves, 23 de novembro, ás 20:15 horas, a representación da obra de teatro “A cámara escura”, da compañía Vórtice Escénico, incluída na programación organizada polo Concello de Monforte a través da Rede de Teatros e Auditorios de Galicia. Trátase dunha proposta dirixida ao público adulto que aborda a realidade das vítimas do ciberacoso, que se ven conducidas a unha espiral de desprezo e dor.

Esta actividade enmárcase na campaña “Monforte en negro contra as violencias”, organizada polo Concello de Monforte arredor do 25 de Novembro, Día Internacional para a eliminación da Violencia de Xénero, co obxectivo de promover a sensibilización e a implicación de toda a sociedade na loita contra as violencias machistas.

“A cámara escura” é unha obra escrita por José Luis Baños de Cos, baixo a dirección e adaptación de Sara Rey Seoane. Andrea Blanco Dios, Ana San Fernando e Marcos Grandal Tojeiro integran o elenco artístico.

 

O prezo da entrada é de 5 euros, cunha tarifa reducida de 3 euros para estudantes, persoas en situación de desemprego e persoas xubiladas.

 

SINOPSE: Que pasa cando unha adolescente de dezaseis anos comparte unha foto íntima co seu crush nun contexto social como o que estamos a vivir?

 Alicia está namorada, fai un selfie e preme enviar. Do outro lado do móbil, alguén reenvía, e reenvía, e reenvía. Os chats tolean. Unha avalancha de mensaxes, de vexacións, de insultos, de censura.

 Nun mundo eterno como é a rede, cal é a solución para recuperar a intimidade perdida tendo en conta que por cada ano que pasa, as xeracións están expostas a medrar sen a madurez suficiente para empregar un novo apéndice chamado teléfono?

 A cámara escura fala das vítimas de ciberacoso que se ven conducidas cara un buraco negro de desprezo e dor. Trata das persoas culpábeis que, agresión tras agresión, van construíndo un perigoso perfil de cara ao futuro. A cámara escura diserta sobre esas nais e pais que ven, con absoluta impotencia, rotas ás súas fillas e aos seus fillos. A través de Alicia, esa rapaza dividida en dúas voces internas, podemos asomarnos á realidade que sofren cada día máis adolescentes a nivel mundial.

 

Acto central do 25-N na Praza do Concello

O acto central da conmemoración do 25-N desenvolverase o mércores 25 de novembro, ás 12:00 horas, na Praza do Concello. Comezará coa lectura do manifesto institucional, que correrá a cargo da concelleira de Muller e Igualdade, Regina López, e continuará coa performance “Cadeiras Baleiras”, unha acción artística e de protesta social que pretende visibilizar o baleiro irreversible que deixan as vítimas asasinadas pola violencia machista. Incluiranse tamén tres cadeiras baleiras en lembranza dos tres menores vítimas da violencia vicaria.

No acto participará alumnado de Educación Primaria dos centros educativos da cidade, co obxectivo de facer partícipes tamén aos máis novos desta xornada de reivindicación e concienciación. Ademais, repartirase entre as persoas asistentes material de sensibilización baixo o lema da campaña “Monforte en Negro contra as Violencias”.

 

Campaña de sensibilización e información durante todo o ano

A campaña inclúe tamén a colocación de pancartas conmemorativas do 25-N no edificio do Concello e no Centro Cívico, así como a instalación dun vinilo da campaña no Bus Urbano co propósito de difundir a mensaxe de rexeitamento á violencia de xénero e convidar á cidadanía a participar na concentración do día 25.

Como novidade, instaláronse tótems informativos permanentes sobre os recursos existentes fronte á violencia de xénero na Casa Consistorial, a Biblioteca Municipal e o Complexo Deportivo da Pinguela. Unha iniciativa que ten por obxectivo ofrecer información visual, sinxela e directa durante todo o ano, facilitando que calquera persoa ou entidade poida coñecer os recursos de apoio dispoñibles e saber onde acudir ante unha situación de violencia machista.

 

Curso de Defensa Persoal Feminina

O xoves 26 de novembro celebrarase no Centro Cívico unha nova edición do Curso de Defensa Persoal Feminina, unha actividade que se incorpora novamente ao programa municipal pola boa acollida que ten entre as participantes. O curso será impartido por Juan José Martínez, que empregará o “Método Mais” e unha metodoloxía específica de defensa persoal feminina para ensinar ás mulleres a utilizar o corpo e a mente ante posibles ameazas e situacións de risco.

A actividade desenvolverase en dúas quendas:

  • Mañá: de 9:30 a 13:30 horas.
  • Tarde: de 16:00 a 20:00 horas.

A participación é gratuíta, pero as prazas son limitadas e asignaranse por orde de inscrición. As mulleres interesadas deberán anotarse previamente no Centro de Información á Muller (CIM), no teléfono 982 41 63 50.