Monforte acolle esta fina de semana as Finais do Campionato Galego de Voleibol Xuvenil Masculino e Feminino

Monforte de Lemos, 26 de marzo de 2026. A Tenente Alcalde do Concello de Monforte, Gloria Prada, e o Concelleiro de Deportes, José Manuel Mougán, anunciaron este xoves en rolda de prensa que Monforte será sede esta fin de semana, 28 e 29 de marzo, das Finais do Campionato Galego de Voleibol Xuvenil Masculino e Feminino, que se disputarán no Pavillón Municipal de A Pinguela. Na presentación estiveron acompañados polo director de competición da Federación Galega de Voleibol, Mateo Fernández, e o presidente do Club Korbis de Monforte, Roberto Castro.

Gloria Prada destacou a colaboración do Concello de Monforte nunha competición desta categoría e avanzou que será un fin de semana deportivo “de moito nivel e expectación”, xa que o Pavillón Municipal da Pinguela “será o escenario no que se decidan os novos campións do voleibol galego e os equipos que representarán a Galicia nos Campionatos de España de Clubs, ao máis alto nivel nacional”.

Así mesmo, Prada apuntou que para o Equipo de Goberno e o Concello de Monforte “é un pracer acoller esta competición, xa que Monforte é unha referencia no voleibol e na formación de novas promesas a nivel galego”, destacando que “a cidade pode presumir de ter unha das principais canteiras do voleibol grazas, precisamente, a clubs como o Korbis, do que están saíndo grandes xogadores e xogadoras”.

Neste senso, quixo deixar clara a aposta do Goberno local polo deporte base e por colaboracións como a que fai posible a celebración destas Finais en Monforte, neste caso, coa Federación Galega de Voleibol.

A Tenente Alcalde fixo tamén referencia ao compoñente dinamizador deste tipo de competicións, “que traen visitantes de outras localidades que teñen a oportunidade de coñecer a nosa cidade e descubrir todo o que podemos ofrecer; sobre todo nunha fin de semana como esta, ás portas da celebración da Feira Medieval”. Do mesmo xeito, Prada animou tamén aos monfortinos e monfortinas a asistir a estas finais galegas de voleibol e desfrutar “dun auténtico espectáculo deportivo”.

Pola súa banda, desde a Federación e o Club Korbis agradeceron a colaboración do Concello de Monforte, “fundamental para que estas Finais se celebren en instalacións de primeiro nivel”.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Xornadas, equipos participantes e horarios

O sábado 28 xóganse as Finais Xuvenís Femininas, coa participación do Korbis Lambetadas, Arenal Emeve Lugo, CV Oleiros e CV Cidade de A Coruña. E o domingo 29, na Final Xuvenil Masculina, enfróntanse o Korbis Lambetadas, Arenal Emeve Lugo, CV Oleiros e CV Vigo.

O formato da competición e de catro partidos coa seguinte disposición e horarios:

10.00 h: Primeira Semifinal.

12.00 h: Segunda Semifinal.

16.30 h: Partido polo 3º e 4º posto.

18.30 h: Gran Final.