O recoñecemento ao tecido empresarial monfortino da man do Alcalde e do pregoeiro José Manuel Rodríguez inaugura as Festas Patronais de Monforte 2026

Monforte de Lemos, 11 de agosto de 2025. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, presidiu esta tarde, ás 20:30 horas, na Casa do Concello, o Acto de Lectura do Pregón que da inicio ás Festas Patronais de Monforte na honra da Virxe de Montserrat e que se desenvolverán ata o domingo 16 de agosto. Este ano, o pregón correu a cargo do empresario monfortino José Manuel Rodríguez Fernández, Director Xeral da Cooperativa Lemos-CELEGA e propietario e xerente de Autos Lemos e Transportes Agustín, que ofreceu un discurso marcado polo orgullo de ser de Monforte, polos seus recordos persoais vinculados ás festas e pola reivindicación do potencial económico e social da cidade.

O acto contou coa presenza dos membros do Equipo de Goberno e da Corporación Municipal, así como doutras autoridades e numerosos veciños e veciñas.

Na súa intervención, o Alcalde amosou a súa satisfacción por dar comezo, un ano máis, ás Festas Patronais na honra da Virxe de Montserrat, patroa de Monforte e de todo o Val de Lemos, e salientou o carácter participativo e aberto das celebracións, que ofrecen durante o mes de agosto unha ampla programación gratuíta para toda a cidadanía.

“Hoxe as Festas de Monforte son un referente no interior de Galicia pola calidade dos seus concertos e do conxunto do programa”, destacou, poñendo énfase tamén no papel destacado dos grupos musicais da cidade e as actuacións na rúa.

José Tomé lembrou tamén o compromiso do Concello de Monforte coa celebración do 15 de agosto, Día da Patroa, e do Martes de Pascua, así como co mantemento de elementos tradicionalmente vinculados ás Patronais, entre eles os Fogos de San Vicente e os Fogos do río Cabe no Malecón.

 

Homenaxe ao tecido empresarial de Monforte

Na presentación do pregoeiro, o Alcalde puxo en valor a traxectoria profesional de José Manuel Rodríguez Fernández, natural de Monforte e fillo de pais de Sober, que desenvolveu unha longa carreira empresarial vinculada aos sectores agrogandeiro, industrial, lácteo, automobilístico e do transporte.

José Tomé destacou a traxectoria do empresario e explicou que a elección de José Manuel Rodríguez como pregoeiro quere ser tamén unha homenaxe e un recoñecemento ao conxunto dos empresarios e emprendedores monfortinos, como mostra do apoio do Concello ao tecido empresarial local: “Monforte está mellorando e está crecendo, e un dos aspectos no que estamos mellorando é no sector industrial, por iso quixemos render unha homenaxe e un recoñecemento ao colectivo de empresarios e emprendedores monfortinos no seu conxunto, como unha mostra de apoio do Concello ao tecido empresarial”, indicou.

Neste sentido, salientou que as empresas vinculadas ao pregoeiro facturan conxuntamente máis de 138 millóns de euros anuais e dan emprego a preto de 100 persoas, polo que considerou que a súa traxectoria representa o esforzo de moitas persoas que apostan por Monforte para desenvolver os seus proxectos empresariais.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

“Un recoñecemento a aqueles que fan cada día Monforte”

Pola súa banda, José Manuel Rodríguez manifestou a honra que supuxo para el a elección como pregoeiro non tanto a nivel individual, senón como unha homenaxe ao conxunto do tecido económico e produtivo de Monforte: “O Alcalde e o Equipo de Goberno atinaron na elección do pregoeiro destas Festas Patronais, porque non me escolleron a min, escolleron un representante, unha cabeza visible do sector agrogandeiro, do sector industrial e do sector comercial de Monforte”.

Rodríguez reivindicou o papel dos emprendedores, empresarios, autónomos, transportistas, gandeiros, comerciantes e traballadores, persoas que, segundo explicou, “cada día contribúen a sacar adiante as súas familias e a facer que Monforte siga medrando”.

No seu discurso, José Manuel Rodríguez lembrou tamén os veráns vividos en Monforte na casa da súa familia e asegurou que nunca faltou ás Festas durante a súa infancia e xuventude. “Monforte nestes días ten algo especial. Hai un ambiente que non se pode explicar, hai que vivilo”, sinalou. Puxo tamén o foco no traballo e no esforzo do sector primario, e reivindicou o labor dos gandeiros lembrando que “detrás de cada litro de leite existen familias, sacrificio, madrugóns e traballo todos os días do ano, tamén durante os domingos, Nadal ou Festas Patronais”. “Porque o campo non entende de calendarios”, afirmou, destacando o compromiso dos socios da Cooperativa Lemos: “Manter vivo o rural tamén é facer país”.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Unha cidade con futuro

Neste senso, asegurou que, aínda que existen dificultades, Monforte ten empresas, industria, servizos e futuro, e animou especialmente á mocidade a confiar nas súas posibilidades e a apostar pola cidade: “Estou convencido de que temos unha mocidade moi preparada; só necesitamos que crean nas súas posibilidades e que entendan que o éxito, case sempre, constrúese pouco a pouco”.

Así mesmo, o pregoeiro puxo en valor a evolución experimentada por Monforte nos últimos anos e destacou a existencia de servizos, equipamentos e un polígono industrial en crecemento, xunto con empresas que crean emprego e unha cidade “viva e chea de posibilidades”. Como empresario, indicou, “estou convencido de que esta cidade ten un enorme potencial para atraer máis empresas, máis investimento e máis oportunidades”, e reivindicou o orgullo de ser monfortino: “Os de Monforte somos moi de Monforte, é algo que levamos dentro”.

Finalmente, José Manuel Rodríguez fixo un chamamento á cidadanía a saír á rúa, encher as prazas e gozar das Festas, da música, das actividades culturais, das verbenas e dos encontros con familiares e amigos. Ao mesmo tempo, pediu vivir as celebracións con responsabilidade: “As mellores festas son aquelas nas que todos podemos volver á casa cun sorriso”, afirmou.

Ao remate do pregón procedeuse ó lanzamento do foguete desde o Campo de San Antonio e á inauguración da iluminación artística, para comezar seguidamente coa programación musical da man do grupo De Vacas cunha actuación na Praza de España a partir das 22.30 horas.