Por fin a ronda urbana terá iluminación pública grazas ao Concello de Monforte, aínda que a vía é titularidade da Xunta de Galicia

Monforte de Lemos, 16 de xuño de 2025. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, supervisou este martes o inicio das obras para dotar de alumeado público dous espazos públicos da cidade. Por un lado, o tramo da ronda urbana comprendido entre a rotonda do Peregrino e a rúa Ourense —un vial de titularidade da Xunta de Galicia que foi inaugurado hai xa 19 anos, pero que aínda carece de luminarias—, e por outro, un treito do paseo fluvial do río Cabe, concretamente o tramo da marxe dereita na zona de Ramberde, entre o Edificio Multiusos e a Ponte Medieval. Na visita estivo acompañado pola Tenente de Alcalde, Glorida Prada, e polo Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada.

Ambas actuacións forman parte dun proxecto impulsado polo Concello de Monforte e están financiadas a través do Plan de Sustentabilidade Turística do Consorcio da Ribeira Sacra no marco dunha iniciativa dirixida á mellora da eficiencia enerxética en rúas, accesos e lugares de interese nos 26 concellos que integran dito consorcio.

O reparto de fondos é proporcional ao número de habitantes da entidade local. No caso do Concello de Monforte, a inversión supera os 270.000 euros e está destinada á instalación dun total de 76 luminarias contribuíndo á modernización dos espazos públicos, á redución do consumo enerxético e á mellora da experiencia tanto de residentes como de visitantes.

O Equipo de Goberno “decidiu destinar estes fondos a cubrir unha necesidade e unha demanda existente en Monforte desde fai 19 anos e que ningún Goberno anterior acometeu”, explica José Tomé en referencia á ronda urbana, unha vía de titularidade autonómica, pero carente de alumeado público desde a súa apertura en 2007. Neste senso, engade, “resolvemos a situación e melloramos Monforte e a calidade da vida da veciñanza, contribuíndo ao mesmo tempo á eficiencia enerxética das nosas infraestruturas urbanas”.

 

76 luminarias

O proxecto contempla a instalación de iluminación exterior autónoma co obxecto de reducir o consumo enerxético, mellorando o servizo aos cidadáns e a eficiencia enerxética nas instalacións de alumeado. Trátase de un total de 76 luminarias máis eficientes, duradeiras e adaptadas ás necesidades actuais. 47 corresponden ao tramo da ronda urbana entre a rotonda do peregrino e a rúa Ourense, e 29 ao paseo fluvial do Cabe, no tramo que discorre pola zona de Ramberde.

No que se refire á RONDA URBANA, iluminarase a vía con 47 luminarias colocadas en columnas troncocónicas galvanizadas, de 9 metros de altura, cunha distancia aproximada de separación entre elas de 25 metros. A instalación destas luminarias comezou este mesmo martes e está previsto que os traballos estean finalizados o venres, polo que xa se poderán desfrutar esta mesma semana.

A iluminación do PASEO FLUVIAL contempla 29 luminarias colocadas en columnas cilíndricas pintadas, de 6 metros de altura, e colocadas de maneira unilateral aproximadamente a unha distancia de 23 metros entre elas.

No caso do paseo do río Cabe, explica o rexedor, “por ser un treito urbano, instalaranse farolas autónomas que funcionarán con enerxía solar, pero tamén eléctrica en caso de necesidade”. No que respecta á ronda urbana, serán exclusivamente solares, “polo que serán reforzadas con paneis de maior superficie xeradora de enerxía”, indica.

As obras para a instalación destas infraestruturas comezaron na ronda urbana e, unha vez rematados os traballos neste vial, continuarán no paseo fluvial do río Cabe. Nesta segunda fase instalaranse 29 novas luminarias no tramo situado entre a Ponte Medieval e o Edificio Multiusos.

 

Mellor seguridade e accesibilidade

José Tomé indica que “esta actuación permitirá mellorar as condicións de uso e desfrute de dous espazos moi frecuentados, reforzando ademais a seguridade e a accesibilidade en horario nocturno”. En definitiva, conclúe, “co inicio destas obras, seguimos avanzando na mellora das infraestruturas urbanas e na posta en valor dos espazos públicos, ao tempo que resolvemos unha carencia histórica que ningún Goberno anterior resolveu”.