Sesenta persoas asistiron á charla sobre a regularización extraordinaria de persoas inmigrantes que ofreceu o Concello

Monforte de Lemos, 22 de abril de 2026. O salón de actos do Centro Cívico Social acolleu na mañá deste mércores, 22 de abril, unha charla informativa sobre a regularización extraordinaria de persoas inmigrantes organizada polo Concello de Monforte, a través da Concellería de Servizos Sociais. A actividade dirixiuse a toda a cidadanía, en especial ás persoas inmigrantes, e correu a cargo de Celia López Rodríguez, avogada especializada en materia de estranxeiría do Programa de acollida e inclusión social de persoas inmigrantes do Concello de Monforte de Lemos. Unha vez finalizada a charla, atendéronse consultas dos asistentes.

A Tenente Alcalde e Concelleira de Servizos Sociais, Gloria Prada, participou na actividade, á que asistiron arredor de 60 persoas. Na súa intervención, explicou que o Concello de Monforte é especialmente sensible con este colectivo: “Sendo conscientes do número de persoas migrantes que residen no noso municipio, o Alcalde quixo reforzar o traballo de asesoramento e acompañamento na tramitación administrativa para que estas persoas poidan regularizar a súa situación e vivir e traballar con normalidade en Monforte, cos mesmos dereitos e deberes que o resto do monfortinos e monfortinas”. Froito desta aposta púxose en marcha o citado Programa de acollida e inclusión social de persoas inmigrantes do Concello de Monforte.

Ante a aprobación do novo Real Decreto de Regularización Extraordinaria, engadiu a Tenente Alcalde, “o Concello de Monforte quixo reforzar esta labor de asesoramento e organizar esta charla informativa para orientar a todas as persoas interesadas en participar neste proceso”.

Concretamente, o obxectivo desta sesión consistiu en ofrecer asesoramento técnico e información clara e actualizada sobre os requisitos, procedementos e prazos relacionados coa regularización administrativa, así como resolver dúbidas das persoas asistentes. Neste senso, Gloria Prada indicou que o Concello de Monforte busca facilitar o acceso á información e contribuír á integración social e administrativa da poboación inmigrante no municipio.

O proceso de regularización extraordinaria previsto no Real Decreto 316/2026, de 14 de abril, polo que se modifica o Real Decreto 1155/2024, de 19 de novembro, polo que se aproba o Reglamento de la Ley Orgánica 4/2000, de 11 de xaneiro, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social, publicado no BOE do 14/04/2026.